- A representante do Goberno autonómico destacou que neste municipio se levou a cabo a mellora do centro social de Rececinde e do Muro da Rocheira e a renovación da fachada do polideportivo municipal ao abeiro desta orde
- Na convocatoria deste ano recibiron estas axudas 4 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte por un importe de máis de 70.000 euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, visitou esta municipio para supervisar as actuacións de corrección de impactos paisaxísticos realizadas con dúas achegas, que suman 26.000 euros, do Instituto de Estudos do Territorio de Galicia.
Estes apoios materialízanse a través de dúas liñas: a primeira para edificios ou dependencias de prestación de servizos municipais -para a renovación de fachadas, cubertas ou muros de cerramento de predios- e a segunda para equipamentos -como lavadoiros, fontes, palcos da música ou hórreos que polo seus deficiente estado de conservación ou pola súa propia configuración se asocian co feísmo e producen unha distorsión da paisaxe na contorna natural ou urbana onde se sitúan- e para outras construcións ou instalacións municipais destinadas a outros equipamentos de servizos públicos como o revestimento exterior de muros de cerramento de terreos.
Estas achegas repartiron en Galicia, este ano, un millón de euros, o total orzamentado na convocatoria de concorrencia non competitiva.
Concretamente Coristanco recibiu unha axuda da liña para outras construccións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos, para unha intervención encamiñada a mellorar a integración paisaxística do centro social Rececinde e do Muro da Rocheira, solventando aqueles impactos visuais que están a xerar na contorna próxima. Para elo, partiuse como premisa principal a idea de dotar a estes espacios dunhas solucións acordes ao seu entorno.
Deste modo levouse a cabo no centro social a colocación de tella cerámica curva sobre os ferros de fibrocemento existentes, previa limpeza; liquidando problemas de infiltracións e mellorando a adaptación do edificio na contorna no que se atopa e no Muro na Rocheira a limpeza do muro de peche de bloque así como o seu posterior pintado, mellorando o impacto visual e paisaxístico.
Este municipio recibiu tamén da outra liña para equipamentos municipais coa que levou a cabo as obras de mellora na fachada do polideportivo municipal, que permitiu a limpeza das fachadas, repenicado de recebados en mal estado, recebado de zonas repenicadas e do muro de bloque existente en laterais e pintado das tres fachadas con pintura acrílica.
Axudas
A Xunta de Galicia aprobou, este ano, a concesión de 55 axudas a concellos para o desenvolvemento de 67 actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, por un importe de 1 millón de euros. Na provincia da Coruña da Coruña recibiron estas achegas 13 concellos para 16 intervencións por un importe de máis de 270.000 euros e na comarca de Bergantiños 4 municipios (Coristanco, Corcubión, Muxía e Dumbría) para 5 actuacións que permitiron seguir estendendo o fermosismo pola comarca.
As achegas destinadas aos municipios pretenden mellorar o estado de edificios de titularidade municipal e equipamentos en congruencia cos valores recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e cos obxectivos e valores que aparecen nas Directrices da paisaxe de Galicia.
As axudas fináncianse integramente con fondo propio da Xunta sendo a achega en cada solicitude dun máximo do 70% do investimento subvencionable, co límite de 40.000 euros por concello (un máximo de 20.000 euros por cada liña). Á hora de realizar as actuacións deben aplicarse os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais, ademais de axustarse ás condicións que veñen impostas pola normativa municipal e sectorial.



