Belén do Campo supervias en Muros e Carnota os traballos preventivos fronte aos incendios forestais de cortalumes que se están a realizar nunhas 35 hectáreas

Redacción

A delegada da Xunta destacou que este ano a Xunta incrementou nun 50 % o orzamento destinado á prevención de incendios forestais con respecto ao exercicio anterior, acadando os 75,38 millóns de euros

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou hoxe os concellos de Muros e Carnota para comprobar os avances dos traballos preventivos fronte aos incendios forestais no Distrito Forestal V-Fisterra

As actuacións que se están executando por SEAGA céntranse na mellora de cortalumes mediante maquinaria bulldozer en terreos situados entre ambos municipios. En total, está previsto actuar sobre unhas 35 hectáreas, cun investimento próximo aos 33.000 euros. Os traballos prevese que estean rematados antes do inicio da campaña de incendios do verán

Durante a visita, Belén do Campo explicou que estas infraestruturas preventivas “contribúen de xeito moi positivo á prevención dos incendios forestais, xa que crean descontinuidades de combustible no terreo para intentar frear o avance das lapas”.

A representante do Goberno galego sinalou tamén que os labores preventivos desenvolvidos polo persoal do distrito forestal son moi diversos e inclúen actuacións de mellora e limpeza de depósitos de auga, rozas, mantemento de pistas forestais e queimas prescritas, algunhas delas xa concluídas. A delegada aproveitou para agradecer o traballo que está desenvolvendo o persoal do distrito.

A delegada lembrou que, aínda que unha parte importante destas accións corresponde aos propietarios das fincas e do monte, a Xunta realiza todos os anos “un importante esforzo inversor nas actuacións preventivas propias”, que se complementan con traballos similares noutros distritos forestais da provincia e do resto de Galicia, concretamente neste distrito xa se levaron a cabo 13 queimas controladas en preto de 160 hectáreas no primeiro cuatrimestre deste ano.

Neste sentido, puxo en valor a aposta continuada da Xunta pola prevención como eixo prioritario da política forestal galega. “A anticipación e a planificación son ferramentas fundamentais na loita contra os incendios, polo que resulta imprescindible actuar durante todo o ano na conservación e mellora destas infraestruturas forestais”, incidiu.

Belén do Campo destacou que este ano a Xunta incrementou nun 50 % o orzamento destinado á prevención de incendios forestais con respecto ao exercicio anterior, acadando os 75,38 millóns de euros. Grazas a este investimento, está previsto actuar ao longo de 2026 en preto de 34.000 hectáreas en toda Galicia mediante distintas actuacións silvícolas e preventivas.

Entre estas medidas inclúense traballos en áreas cortalumes, creación e mantemento de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais, queimas prescritas e accións, así como colaboracións coas entidades locais.
“Falamos dunha planificación preventiva ampla e estruturada, que ten como finalidade reducir a carga de combustible vexetal, mellorar a accesibilidade ao monte e minimizar o risco de propagación do lume nas zonas máis sensibles”, explicou.

Convenio franxas secundarias

A delegada territorial lembrou tamén que a Consellería do Medio Rural continúa desenvolvendo o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, co obxectivo de facilitar aos concellos e ás persoas propietarias o cumprimento das súas obrigas legais de limpeza e mantemento das franxas próximas ás vivendas antes do 31 de maio, data no que teñen que estar rematados os traballos.

Este convenio conta este ano cun orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que no exercicio anterior, e xa suma a adhesión de 292 concellos galegos, máis do 93 % dos municipios da comunidade. Na provincia da Coruña están adheridos 90 dos 93 municipios, entre eles Carnota e Muros.
Ao abeiro desta colaboración, a Xunta impulsou tamén unha estratexia reforzada de aldeas preparadas fronte ao lume mediante charlas informativas e accións de sensibilización dirixidas aos concellos informando das parroquias priorizadas e zonas de alta actividade incendiaria.

Entre as principais novidades, salientou o reforzo das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares das parcelas non cumpran coas súas obrigas legais, así como a ampliación do número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276 en toda Galicia. En concreto na provincia da Coruña hai 27 parroquias seleccionadas para recibir un tratamento preferentes dentro deste convenio de limpeza de faixas secundarias. Nestas áreas, os particulares poden contratar directamente con Seaga a realización das rozas preventivas bonificadas cun custo de 420 euros por hectárea, ademais nestas zonas.

A maiores, a delegada da Xunta recordou que se mantén a posibilidade de que a empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, ademais da limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se continúa avanzando no subministro de especies vexetais que permitan crear franxas naturais de protección arredor dos núcleos urbanos, reducindo así a necesidade de sucesivas intervencións de limpeza.

Comparte este artigo