Este ano imos ter unha celebración da Pilarica moi completa, porque a festa do barrio do Chorís coincide co primeiro domingo de feira do mes de outubro e durante toda a mañá vaise celebrar na Praza do Concello a cuarta edición de Bercamel, a feira de referencia no sector da apicultura galega.
A feira do mel está organizada un ano máis pola Asociación Galega de Apicultores coa colaboración da Concellaría de Feiras e Mercados. Segundo explica o delegado de AGA na comarca, o carballés Víctor Tasende, desde as 09.00 ata as 14.30 horas, todas as persoas que se acheguen ata os postos de Bercamel descubrirán un amplo abano de produtos elaborados con mel, e este ano, ademais, poderán saborealos, porque haberá dúas catas de meles galegos ás 11.30 e ás 13.15 horas.
Como xa vén sendo habitual, entre todas as persoas que adquiran mel e produtos derivados sortearanse dúas cestas.