Completas as prazas para o campamento dixital para nenos/as de 9 a 13 anos que levaremos a cabo durante as vacacións de Semana Santa
Este martes comezou na Aula CeMIT un novo obradoiro de impresión 3D, o segundo que poñemos en marcha neste curso académico. E unha vez máis esta actividade converte a aula de informática do Concello de Carballo nun punto de encontro interxeracional, xa que participan tanto rapazada coma persoas adultas.
Na apertura do curso, impartido por Jorge Cebey, participaron o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, e a técnica responsable da Aula CeMIT, Milagros Antelo, que agradeceron a boa acollida das actividades que se están a levar a cabo neste espazo, animaron ás persoas participantes a aproveitar a experiencia ao máximo e convidáronas a presentar as súas propias propostas de actividades para telas en conta á hora de seguir programando.
Polo momento, ademais da escola informática para maiores de 60 anos, que arrincou en outubro e prolongarase ata finais de maio, e que está resultando un auténtico éxito, para as vindeiras semanas temos programadas novas actividades en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios. As vinte prazas que tiñamos dispoñibles para o campamento dixital dirixido a nenos/as de 9 a 13 anos que se realizará durante as vacacións de Semana Santa xa están completas, e agora mesmo temos aberto o prazo de inscrición para un taller sobre creación de ferramentas dixitais para crear contido na aula, dirixido a docentes.
Aula CeMIT ten as portas abertas a toda a veciñanza para que, teñas a idade e a ocupación que teñas, poidas mellorar as túas competencias dixitais. Se estás interesado/a e precisas axuda para facer os trámites en liña non te preocupes: ponte en contacto co Fórum Carballo no 981 709 011 e darache cita para explicarche a oferta formativa e mesmo axudarche a tramitar a alta na aula.