Supón unha ferramenta chave para combater os incendios forestais e reforzar a seguridade da poboación.
O Concello vén de renovar o convenio de colaboración que mantén coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e coa empresa pública de servizos agrarios Seaga para facilitar a xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias. Esta cooperación instruméntase coa finalidade de previr incendios forestais nas zonas máis próximas aos núcleos de poboación e, por tanto, protexer ás persoas e aos bens cunha acción preventiva, eficaz e adaptada á realidade social e física do territorio.
En virtude deste acordo, a Xunta e Seaga prestarán apoio técnico, económico e operativo ao Concello para garantir a correcta limpeza e mantemento das franxas de protección arredor das vivendas, estradas e núcleos habitados con actuacións como:
– Execución directa de traballos de xestión da biomasa nas faixas secundarias cando sexa necesaria a execución subsidiaria por incumprimento das obrigas dos propietarios.
– Reforzo das actuacións en parroquias priorizadas, seleccionadas cada ano en función do risco de incendio, onde se intensificará a limpeza e prevención.
– Limpeza de ata 12 quilómetros anuais de vías de titularidade municipal, actuando no dominio público.
– Apoio técnico ao Concello para a revisión e actualización do Plan municipal de prevención de incendios.
– Colaboración na inspección de parcelas, notificación aos propietarios e tramitación administrativa dos procedementos necesarios.
– Posta a disposición dunha plataforma dixital (Xesbio2) que permite facer seguimento das actuacións, mellorar a coordinación e aumentar a transparencia.
O convenio conta cun orzamento global para toda Galicia de máis de 61 millóns de euros para o período 2026-2029, financiado pola Xunta de Galicia, que permitirá asegurar a continuidade do servizo nos concellos adheridos.
Pola súa banda, o Concello da Laracha comprométese, entre outras obrigas, a:
– Identificar ás persoas responsables das parcelas afectadas polas faixas secundarias.
– Tramitar as comunicacións e notificacións aos propietarios.
– Aprobar anualmente un plan municipal de actuacións en materia de xestión da biomasa.
– Colaborar na tramitación dos contratos de xestión da biomasa nas parroquias priorizadas.
O acordo terá vixencia ata o 31 de decembro de 2029, con posibilidade de prórroga, e supón unha ferramenta clave para mellorar a seguridade da veciñanza, protexer os núcleos de poboación e reducir o risco de incendios forestais.



