A iniciativa arrinca o xoves 2 de xullo cunha charla gratuíta a cargo da técnica Iria Villar e continuará a partir do día 15 con premios por comprar no mercado
O Concello de Carballo, coa colaboración da xunta local da Asociación Española Contra o Cancro, levará a cabo durante o mes de xullo unha campaña de sensibilización sobre do cancro de pel. O obxectivo principal é concienciar á veciñanza sobre a importancia da prevención durante a época estival mediante accións de divulgación e promoción do comercio local no mercado municipal.
A iniciativa arrancará o xoves 2 de xullo, ás 19.00 horas, cunha charla informativa gratuíta na sala Cervantes do mercado. A sesión, aberta a toda a cidadanía, será impartida por Iria Villar, técnica de prevención da Asociación Española Contra o Cancro, que ofrecerá recomendacións prácticas para protexer a pel durante os meses de maior exposición ao sol.
Ademais do eido divulgativo, a campaña trasladarase de xeito directo á actividade comercial do mercado na segunda quincena do mes. Desde o 15 de xullo e ata fin de existencias, por cada compra superior a 15 euros realizada en calquera dos postos do mercado municipal, a clientela recibirá unha tarxeta tipo “rasca”. Os boletos agochan centos de premios directos deseñados para gozar do verán de forma segura: gorras, cometas infantís, discos para xogar na praia (frisbis), balóns inchables e bolsas, entre outros agasallos.
Tanto dende o Concello como dende a AECC lémbrase a importancia de seguir consellos básicos de saúde cutánea: evitar a exposición solar entre as 12:00 e as 16:00 horas, usar protección solar adecuada (SPF 50) renovándoa cada dúas horas, protexer os ollos e a cabeza, e extremar as precaucións cos nenos e nenas. Así mesmo, recoméndase vixiar activamente a pel e consultar co médico se os lunares ou manchas cambian de forma, cor ou tamaño.
Con esta iniciativa, o mercado de Carballo reafirma o seu compromiso coa promoción de hábitos de vida saudables e coa colaboración con entidades que traballan na prevención e na educación para a saúde.

