HomeA CoruñaTrenor anima aos concellos de Bergantiños-Costa da MOrte a solicitar as axudas...

Trenor anima aos concellos de Bergantiños-Costa da MOrte a solicitar as axudas para apoiar a mellora de infraestruturas municipais cunha dotación de 3,5M€

- Anuncio -spot_img

― A orde para o exercicio 2023 vai dirixida a concellos con menos de 30.000 habitantes e ten aberta a convocatoria ata o 20 de febreiro

― A través dela colabórase en actuacións relacionadas coas redes de luz pública, a pavimentación de camiños, os parques infantís e nos edificios ou dependencias vinculados á prestación de servizos municipais

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, visitou o Concello para coñecer as melloras realizadas neste municipio ao abeiro da Orde para a creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Concretamente supervisaron as obras levadas a cabo de subministración de trial de aventura para a área recreativa da Rocheira e para a renovación dos xogos do parque infantil de Santa Marta-Traba

No percorrido Trenor anunciou que o pasado xoves 19 xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria correspondente a 2023, que mantén o orzamento de 3,5M€ no marco do compromiso do Goberno galego coas administracións locais.

Segundo explicou, a través desta liña de axudas a Xunta colabora cos concellos nas obras relacionadas coas redes de luz pública, a pavimentación de camiños e os parques infantís, así como as executadas nos edificios ou dependencias municipais. Neste último caso, inclúese tamén como gastos subvencionables a adquisición de equipamento, como mobiliario e material informático ou audiovisual. O financiamento pode chegar a cubrir ata o 80% do presuposto do proxecto.

A medida vai dirixida aos concellos que teñan menos de 30.000 habitantes de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal e poderán optar a ela de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa de xeito individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Deberán corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias actuacións. A partir da publicación da orde, os potenciais beneficiarios disporán dun mes, ata o 20 de febreiro, para enviar as solicitudes.

Melloras na comarca de Bargantiños-Costa da Morte
Trenor sinalou que no concello de Coristanco, a Xunta destinou o ano pasado máis de 33.000 euros para levar a cabo a subministración de trial de aventura para a área recreativa da Rocheira e para a renovación dos xogos do parque infantil de Santa Marta-Traba que tivo un coste total de máis de 38.000 euros.

O representante do Goberno galego lembrou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte no 2022 realizáronse actuacións con estes apoios da orde de Infraestruturas nos concello de Dumbría, Vimianzo, Muxía, Malpica de Bergantiños, Coristanco e Cabana de Bergantiños por un importe de máis de 142.000 euros que mobilizaron máis de 203.000 euros.

O delegado da Xunta explicou que esta orde para a mellora de infraestruturas municipais é unha das liñas que pon de manifesto o compromiso da Xunta coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Trátase así de “garantir o equilibrio no territorio entre o medio rural e urbano, o interior e a costa, a prol do desenvolvemento económico de toda a xeografía e que a veciñanza teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia”, engadiu.

Publicacións Relacionadas