O Pazo da Cultura acolle o domingo 21 de xuño este concerto que pon en valor a cultura popular dun territorio a través da voz, un saxo, un cello e a música electrónica
O San Xoán segue traendo a Carballo o mellor dos nosos sons tradicionais, neste caso a través da artista galega Su Garrido Pombo, que presenta no Pazo da Cultura o seu novo traballo, Traspielas, no marco da Festa da Música da Deputación da Coruña. Garrido artella este proxecto xunto con Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais). Nel celebran a memoria colectiva dunha aldea a través dunha obra musical, poética e visual. Músicas de recoñecida traxectoria e de estilos diversos como a electrónica, a experimentación ou a tradicional conflúen para crear unha obra actual, partindo de pezas recollidas en Traspielas -lugar natal de Garrido no concello de Fornelos de Montes, Pontevedra- e de proxeccións con imaxes actuais e de vídeo arquivo. O obxectivo é o de dar nova vida a estas cancións nunha proposta artística multi disciplinar e contemporánea que pon en valor a comunidade e a cultura popular dun territorio.
Traspielas celebra e afonda na memoria colectiva a través da música, a palabra, a escena e a imaxe, coa colaboración de artistas contemporáneas de diferentes disciplinas. O proxecto céntrase en re interpretar 11 pezas tradicionais como xotas, muiñeiras, cantos de berce ou romancese tamén busca fortalecer o vínculo entre a comunidade e o seu territorio. As cancións son revisitadas con novos arranxos e acompañadas de proxeccións audiovisuais, textos e escenografías creadas a partir da escoita da memoria local, establecendo un diálogo entre pasado, presente e futuro.
Su Garrido
Cantante, música e compositora, o estilo musical de Garrido abrangue desde a cantautora ata a música tradicional. Ten actuado en festivais como o Body and Soul e o Mother Tongues Festival en Dublín, o Centro Cultural Conde Duque en Madrid e o Actual Festival na Rioxa.
En 2015, no marco de TREME, gañou o 1º Premio no concurso MusicaXove. Tamén formou parte doutros proxectos como Son Trío, co que gañou o Premio Celso Emilio Ferreiro en 2018. En 2018, lanzou o seu primeiro álbum en solitario, Que a vivir aquí, que gañou o Premio Fran Pérez “Narf” da Deputación da Coruña e o Premio Martín Códax na categoría de Cantautora. En 2023, lanzou un novo álbum, Patios de luz. Volveu gañar o Premio Martín Códax na categoría de Cantautora.
Festa da Música
A Festa da Música da Deputación da Coruña é unha iniciativa anual que celebra o Día Europeo da Música (21 de xuño) con máis de 15 concertos gratuítos en diferentes concellos da provincia. Neste caso, Carballo acolle o concerto de Su Garrido como antesala das Festas de San Xoán.

