· O programa, recoñecido a nivel nacional polas súas boas prácticas, arrinca o 27 de marzo co obxectivo de dar voz á historia das mulleres do municipio.
· A iniciativa inclúe roteiros, talleres creativos e a segunda edición do certame de foto-relatos, todas elas actividades gratuítas e abertas á participación veciñal.
“Bergondo en feminino”, o programa do Concello de Bergondo para a visibilización das mulleres do municipio, continúa o seu percorrido cunha nova edición en 2026, consolidándose como unha iniciativa de referencia no ámbito local. O proxecto foi recoñecido no ano 2023 pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero no VII Concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres.
Nesta edición, o programa aposta por unha proposta variada de actividades que combinan divulgación, creación e participación comunitaria, co obxectivo de seguir profundando na memoria das mulleres do territorio e promover a reflexión ao redor das desigualdades de xénero e as violencias machistas.
A programación arrinca o 27 de marzo, de 18:00 a 19:30 h, co roteiro “Skeirrum Bergondo en feminino”, unha actividade dirixida a maiores de 12 anos e persoas adultas, con saída desde a Biblioteca Municipal de Bergondo.
O 23 de abril, de 17:00 a 20:00 h, terá lugar o taller “Coser a historia”, impartido por Verónica Ramilo no centro social de Cortiñán Josefa Crespo Veiga, unha proposta creativa para achegarse á memoria e ás experiencias das mulleres a través do traballo manual e colectivo.
Ademais, convócase o II Certame de foto-relatos “Bergondo en feminino”, co prazo de presentación aberto ata o 7 de maio ás 14:00 h, convidando á cidadanía para participar na creación de relatos visuais e escritos ao redor das temáticas do programa.
A programación culminará o 29 de maio ás 18:00 h no edificio A Senra co acto “Celebrando Bergondo en feminino”, aberto a todos os públicos. Nesta xornada final incluirase tamén unha proposta de creación teatral, ampliando os formatos de expresión e participación dentro do programa.
Todas as actividades son gratuítas e requiren inscrición previa a través da ligazón i.gal/BEF2026. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello de Bergondo no teléfono 981 791 252 ext. 4 ou no correo electrónico serezabel.rodriguez@bergondo.gal.
Resumo do programa: Bergondo en feminino 2026 xa está en marcha
A programación inclúe diferentes actividades abertas á participación da veciñanza, combinando divulgación, creación e memoria colectiva:
• Roteiro “Skeirrum Bergondo en feminino”: 27/03 de 18:00 a 19:30 h. Saída desde a Biblioteca Municipal.
• Taller “Coser a historia”, con Verónica Ramilo: 23/04 de 17:00 a 20:00 h. Centro social de Cortiñán.
• II Certame de foto-relatos: Prazo aberto ata o 07/05 ás 14:00 h. Envío dos relatos a leticia.rey@bergondo.gal.
• Celebrando Bergondo en feminino: 29/05 ás 18:00 h no Edificio A Senra. Acto aberto á cidadanía, que incluirá a entrega de premios do II Certame, e moito máis!.
Actividades gratuítas, dirixidas a maiores de 12 anos e persoas adultas, con prazas limitadas.



