HomeA CoruñaA CoruñaBicicoruña bateu o seu récord histórico de usos no 2025

Bicicoruña bateu o seu récord histórico de usos no 2025

- Anuncio -spot_img

O servizo municipal foi utilizado 1.728.835 veces, superando en 385.382 o ano anterior

O Concello chegou o ano pasado ás 79 estacións instaladas tras completar a segunda fase de expansión, cun investimento de 2,5 millóns de euros

O servizo municipal de Bicicoruña bateu no 2025 o seu récord histórico de usos, cun total de 1.728.835. Isto supón un incremento de 385.382 respecto ao 2024. De media, 4.742 persoas usuarias utilizaron a frota de vehículos cada día, o que mostra o grande arraigo que ten entre a cidadanía o emprego deste medio de transporte sostible que, cada vez máis, se revela como unha alternativa ao uso do coche.
“A Coruña é unha cidade que pedalea. Este goberno apostou desde o principio pola sustentabilidade. Por un modelo coa mirada posta no futuro, máis ecolóxico e máis verde.
Os cidadáns e as cidadás apóiannos nisto. A proba é o inmenso éxito de Bicicoruña nos últimos anos, un servizo polo que sentimos moito orgullo”, subliñou a alcaldesa Inés Rey no balance do ano.

Ademais, 2025 tamén marcou o mes con maiores usos totais da historia do servizo. Foi outubro, con 203.285. “No 2019, cando entramos no Goberno, houbo en todo o ano 206.946 usos de Bicicoruña. Os números explícano moi claro. Desde que melloramos e ampliamos a rede, a cifra multiplicouse por oito. Iso chámase cumprir”, engadiu Inés Rey durante a presentación dos datos, acto no que estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

A práctica totalidade das estacións de Bicicoruña (78 das 79) están xa operativas despois dos procesos de ampliación dos últimos anos. Tan só permanece pechada a da Intermodal,  inoperativa polas obras. O total é de 1.437 ancoraxes activas e 650 bicicletas, 410 delas con apoio ao pedaleo.

Bicicoruña séguese consolidando tamén como unha forma habitual de ir e volver do posto de traballo, pois as horas con maior tráfico rexistrado coinciden coas tradicionais de entrada e saída da xornada laboral.

O impacto de Bicicoruña tamén se notou nos índices de contaminación do contorno urbano.
O Concello estima que o uso das bicicletas fixo que ata 914.479 kg de CO² deixasen de emitirse á atmosfera. Este efecto axudou tamén a paliar a contaminación acústica, ao atenuar os traslados en vehículos motorizados e desconxestionar o tráfico. Á súa vez, a frota de bicicletas mellorou a comunicación de zonas tradicionalmente afastadas do centro, como o barrio de Xuxán, onde se construíron dúas estacións novas.

Ademais, no 2025 o Concello completou a segunda fase de expansión das estacións, o que supuxo un investimento de 2,5 millóns de euros. No 2019, cando o goberno asumiu as súas funcións, só había no servizo 23 estacións. O resto foron abríndose a través dos sucesivos plans de ampliación.
“Hoxe A Coruña é unha cidade que tamén se move en bici e que é un referente en España nesta modalidade de transporte. O servizo municipal naceu como un sistema deseñado para o ocio, mais conseguimos convertelo nunha rede útil para o transporte que hoxe empregan para os desprazamentos de traballo milleiros de persoas”, engadiu Inés Rey.

Publicacións Relacionadas