Home A Coruña BNG denuncia atrasos de ata oito meses nos pagamentos da Área Sanitaria...

BNG denuncia atrasos de ata oito meses nos pagamentos da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza a pequenos provedores

0
1

Iria Carreira cualifica de “inadmisible” a resposta da Xerencia, que alegou ás empresas que pagará “se sobran cartos doutras consellerías” e, se non, “xa veremos o ano que vén”

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Carreira, denunciou a grave situación que están a padecer numerosos provedores da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza por mor dos atrasos crónicos nos pagamentos por parte da Xerencia desta área do Sergas.

Segundo expuxo Carreira, as empresas afectadas, na súa maioría pequenos comercios e provedores de alimentación (froita, pan, carne, peixe, conxelados…), levan acumulando débedas desde os meses de abril, maio ou incluso xuño. A débeda pendente de cobro rolda, nalgúns casos, os 200.000 euros, unhas cantidades que, insistiu, “supoñen un impacto enorme” para a viabilidade de negocios locais con escaso volume de facturación.

A deputada nacionalista destacou o contraste entre os datos oficiais presentados pola consellería –que falan dun prazo medio de pagamento de 28,3 días– e a “realidade” que denuncian os provedores, con facturas sen aboar durante seis, sete ou mesmo oito meses. “Ou mentimos nós, ou menten os provedores, ou mente a área sanitaria. Hai un dato que non cadra”, afirmou de xeito contundente.

Neste sentido, cualificou como “desvergoña” a resposta que, segundo os afectados, reciben da Xerencia cando preguntan polos impagos: “Se sobran cartos doutras consellerías e os transfiren a sanidade, pagaremos, e se non, xa veremos o ano que vén”. Unha actitude que mostra unha “falta de planificación e de rigor inadmisible” nun ente público.

Carreira alertou de que esta situación está a levar a moitos destes negocios a pensar “deixar de traballar coa administración pública”, que ademais de prexudicar o servizo, ten un efecto dominó negativo sobre os produtores locais que están detrás destes provedores.

Por todo iso, a deputada do BNG exixiu á Consellería de Sanidade que aclare cal é a “situación completa” dos provedores desta área sanitaria, cales son as “prioridades de pago” que establece a Xerencia e, sobre todo, que medidas concretas se van poñer en marcha para “realizar estes pagamentos e evitar que se sigan incrementando e acumulando débedas”.