HomeA CoruñaBouza acusa a Rueda de negar máis recursos para o Consorcio e...

Bouza acusa a Rueda de negar máis recursos para o Consorcio e bloquear fondos para vivenda

- Anuncio -spot_img

Aitor Bouza denuncia que a Xunta deixou sen executar 169 millóns de euros destinados á rehabilitación mentres rexeitou incrementar en 2,4 millóns a achega ao Consorcio de Santiago.

O deputado socialista acusa ao Goberno galego de “nin facer nin deixar facer” en política de vivenda, ao manter fondos sen gastar e votar en contra de reforzar o principal instrumento de rehabilitación no casco histórico compostelán.

Os socialistas sinalan directamente a Alfonso Rueda e a Borja Verea por votar en contra de máis recursos para o Consorcio, pese a existir marxe orzamentaria, e esíxenlles que deixen a confrontación coa cidade e cumpran cos compromisos adquiridos con Santiago.

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, acusou á Xunta de Galicia de falta de compromiso coa política de vivenda na capital e reclamou un incremento inmediato de 2,4 millóns de euros na achega ao Consorcio de Santiago para reforzar a rehabilitación no casco histórico.
Bouza situou a vivenda como unha prioridade política e defendeu a rehabilitación como instrumento clave para ampliar a oferta residencial e incorporar vivendas baleiras ao mercado, insistindo en que o acceso pasa “a través tamén da rehabilitación de todas esas vivendas que precisan da axuda da propia Administración Pública”, co obxectivo de que estean “en condicións óptimas de habitabilidade” e de poñer no mercado “esas vivendas baleiras que incluso se podan poñer en alugar”.
Neste contexto, o deputado socialista lembrou que o PSdeG presentou emendas aos orzamentos da Xunta para incrementar en 2,4 millóns a dotación do Consorcio, unha proposta que foi rexeitada polo PP. Segundo sinalou, “votaron en contra” e “o señor Borja Verea, que tanto di defender a esta cidade, votou en contra, co beneplácito, por suposto, do presidente da Xunta de Galicia”, polo que cuestionou a defensa que o Partido Popular fai dos intereses de Santiago.
O secretario xeral das e dos socialistas composteláns contrapuxo esa negativa cos datos de execución orzamentaria da propia Xunta. Tal e como indicou, “dentro das súas propias competencias, o goberno galego deixou sen executar no ano 2025, a peche do terceiro trimestre, o 73% dos fondos no programa 451 que é o correspondente a rehabilitación da vivenda”, o que, ao seu xuízo, demostra que “esa é a política da Xunta de Galicia. Nin fai, nin deixa facer”.
Bouza concretou que esa porcentaxe supón que “169 millóns de euros están nun caixón da Xunta de Galicia sen executarse para poder rehabilitar a vivenda pública”, unha cifra que cualificou de “inaceptable” nun contexto de dificultades crecentes de acceso á vivenda. Ademais, lembrou que non se trata dun feito illado, xa que no exercicio pechado de 2024 a Xunta deixou sen executar 81 millóns de euros, o 42,9% dos fondos destinados a rehabilitación.
Fronte a estes datos, o deputado socialista insistiu en que a Xunta dispón de marxe suficiente para reforzar o Consorcio compostelán. “A Xunta pode incrementar 2,4 millóns no Consorcio? Pode. Quere? Non”, afirmou, esixindo que o señor Rueda “o faga de maneira inmediata” e que se comprometa “en igualdade de condicións” co resto das administracións que forman parte do organismo.
Bouza concluíu reclamando que a Xunta de Rueda abandone a confrontación coa capital e cumpra cos seus compromisos co Consorcio de Santiago, reforzando así as políticas de rehabilitación nun momento no que a vivenda continúa a ser unha das principais preocupacións da cidadanía.

Publicacións Relacionadas