HomeA CoruñaBouza reclama a Rueda que atenda as necesidades educativas de Santiago

Bouza reclama a Rueda que atenda as necesidades educativas de Santiago

- Anuncio -spot_img

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, anunciou a presentación de emendas aos orzamentos autonómicos centradas en investimentos e persoal nos centros educativos de Compostela.

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, explicou hoxe en rolda de prensa que o grupo socialista traballa “dentro do propio calendario orzamentario nunhas emendas que teñen que ver co ámbito educativo”, co obxectivo de dar resposta ás demandas recollidas nas reunións mantidas coas comunidades educativas da cidade. “Todas as cuestións que teñen que ver cos centros educativos e coas comunidades educativas non nos preocupan só ao inicio do curso, senón que imos traballar con elas durante todo o ano”, afirmou.
O deputado subliñou que o PSdeG pretende que “en Santiago de Compostela se poidan facer investimentos nos centros educativos despois de reunirnos con todas esas comunidades educativas que nos informaron de todas as deficiencias que existen”. Bouza criticou ademais que “o Partido Popular presenta uns orzamentos nos que deixan de pagar os ricos máis de 800 millóns, mentres os centros seguen tendo necesidades básicas sen cubrir”.
Entre as emendas que o PSdeG presentará destacan investimentos en varios colexios públicos da cidade. No CEIP López Ferreiro, os socialistas propoñen “a ampliación do centro, que queda absolutamente insuficiente, e tamén a ampliación do comedor polas propias deficiencias existentes”. No CEIP Vite, solicitarán “unha reforma integral ante a situación actual que inclúa a mellora da fachada, as ventás, a pintura, cuestións de accesibilidade, o semicuberto da pista e a reforma dos baños”.
Tamén no CEIP Quiroga Palacios o PSdeG demandará “a ampliación do centro, porque xa se queda pequeno”, así como “a reforma dos baños e que o patio semicuberto poida ser empregado por todo o alumnado e non só polos cursos máis altos”. No CEIP Raíña Fabiola, as emendas inclúen a ampliación do comedor escolar.
Bouza destacou que “todas estas cuestións resúmense en investimentos para reformas e ampliacións de centros educativos en Santiago de Compostela”, e engadiu que “cartos hai se realmente non lle perdoamos aos máis ricos os máis de 800 millóns de euros e apostamos pola educación pública e de calidade”.
Xunto ás emendas orzamentarias, o PSdeG presentará tamén iniciativas parlamentarias complementarias para reforzar o profesorado e o persoal de apoio nos centros educativos. “Imos rexistrar iniciativas parlamentarias que vaian da man das emendas que presentamos, pero nas que abordamos tamén a outra pata da problemática: os profesores e profesoras que atenden as necesidades educativas de todo o alumnado”, explicou.
Entre as necesidades detectadas polos socialistas, Bouza destacou que o CEIP López Ferreiro precisa “unha profesora ou profesor de audición e linguaxe”, o Monte dos Postes “dous PTs e unha AL, porque están absolutamente desbordados”, e o Raíña Fabiola “un PT e que os coidadores deixen de estar compartidos con outros centros”.
“Ante esta situación o que solicitamos á Xunta de Galicia, e sobre todo o que esiximos ao señor Rueda, é que atenda as necesidades educativas de Santiago de Compostela”, sinalou Bouza, quen tamén instou ao deputado do PP e concelleiro compostelán Borja Verea “a que aprobe estas emendas porque aos que van a beneficiar son aos veciños e veciñas de Compostela”.
“O señor Verea ten que demostrar co seu voto que quere a esta cidade e as necesidades da súa comunidade educativa”, engadiu.
Bouza concluíu asegurando que o PSdeG de Santiago “seguirá traballando con todas as ANPAs e coas direccións dos centros durante as vindeiras semanas, co compromiso de escoitar á veciñanza e levar a súa voz a todas as cámaras onde sexa necesario, en este caso ao Parlamento Galego”.

Publicacións Relacionadas