HomeA CoruñaBrión convértese no sétimo concello Mecenas da Casa de Rosalía

Brión convértese no sétimo concello Mecenas da Casa de Rosalía

- Anuncio -spot_img

Os escolares e as asociacións culturais do municipio poderán acceder a visitas guiadas de balde. Mentres dure a pandemia, todos os veciños e veciñas de Brión poderán visitar o museo de xeito gratuito

O Concello de Brión converteuse hoxe mércores no sétimo concello Mecenas da Casa de Rosalía en virtude do convenio de colaboración asinado esta mañá polo alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Un acto ao que asistiron a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e o técnico municipal de Cultura de Brión, Alberto Álvarez
En virtude deste convenio anual, polo que o Concello de Brión achega 1.000 euros, tanto os
escolares como as asociacións culturais do municipio poderán acceder a visitas guiadas de
balde á Casa de Rosalía. Ademais, dado que estas visitas non están permitidas actualmente
por mor das restricións da Covid-19, mentres dure a pandemia calquera veciño e veciña de
Brión poderá visitar o museo acreditando documentalmente a súa procedencia.
Brión é un concello con moitas ligazóns coa nosa autora que forma parte da Ruta Rosaliana.
Ten lugares ben importantes na súa vida e obra, como Bastavales, onde viviu e cuxas campás
protagonizan un dos seus poemas máis populares. De feito, Pablo Lago Sanmartín amosou
tamén a disposición do Concello de Brión a seguir colaborando coa Casa de Rosalía “en todo
o que teña que ver coa posta en valor da figura da poetisa”, incluso se amosou disposto a
patrocinar un número de “Follas Novas. Revista de estudios rosalianos” que edita a
Fundación Rosalía de Castro.
Centos de persoas de todo o país -e máis alá- xa se converteron en Amigas da Casa de
Rosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta
institución, así como a súa sostibilidade financeira. A subscrición popular está a ser un
grande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa Protectores (desde 60€/ano), así como
varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da
Casa a partir de 1.000 euros ao ano.
“En 2019 acadamos unha taxa de autofinanciamento próxima ao 50%, que é unha cifra
considerable”, afirmou Anxo Angueira. “Porén esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas
a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremos
intentando facer o mellor servizo posíbel á causa da difusión nacional e internacional do
legado de Rosalía e da súa familia”.

Praza do Concello – Pedrouzos – Brión (A Coruña)
www.concellodebrion.org – Prensa: 618 868 447 (Carlos Suárez)
Segunda subscrición popular
A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen
ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos
difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración
económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José
Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros
galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas
de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de
todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.
Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que
asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia
económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.
Autofinanciamento do 45%
A Casa-Museo tivo unha taxa de autofinanciamento do 45% (2019, que evoluciona desde un
20% en 2012), cifra considerable na nosa contorna cultural, “mais entendemos que cómpre
aínda percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de
Rosalía”, afirma Anxo Angueira, presidente da Fundación. A evolución das visitas á Casa
tamén foi positiva ata a chegada da Covid: incrementáronse desde 2012 ata 2019 nun 260%
(de 8.655 a 22.463).
A Fundación Rosalía quere continuar neste vieiro para “asegurar o seu presente e, sobre todo,
o seu futuro, para seguir avanzando na mellora da Casa-Museo, da súa xestión e dos seus
servizos”, continúase desde a Fundación, que afirma que é xa un dos museos galegos máis
visitados “e debe estar na vangarda cultural e ser un referente a nivel nacional e tamén
internacional”.

Publicacións Relacionadas