Centos e centos de persoas asistiron, esta tarde, á Cabalgata que os Reis Magos realizaron polo centro da vila. Ao son da música dos grupos Troula co séquito do carteiro real, Barafunda Animación e Fanfarria Furruxa, as Súas Maxestades de Oriente partiron desde o peirao comercial e pasaron polas rúas Díaz de Rábago, da Paz e Gasset ata chegar á liña de meta: o pavillón da rúa Venecia.
O pavillón da rúa Venecia acolleu, ademais, a ofrenda ao neno Xesús, o discurso dos monarcas e a posterior recepción, momento no que os máis pequenos e pequenas puideron facerlles as súas peticións aos Reis Magos. Esta parte da xornada estivo amenizada pola música dun dj e houbo tamén reparto de roscón para as persoas asistentes.
O alcalde, José Carlos Vidal, quixo formular tamén as súas peticións aos monarcas: “pídolles, en primeiro lugar, que fagan realidade os vosos desexos, que o 2026 sexa un ano cheo de saúde e que sigades vindo á Pobra para cumprir as nosas peticións”. O rexedor aproveitou, así mesmo, para pedirlles aos nenos e nenas, protagonistas da xornada, que non deixaran “de crer na maxia do Nadal”.



