Os traballos contarán cun orzamento de 356.296,81 euros.
A sesión celebrouse onte ás 20:00 horas no Salón de plenos.
O Concello de Cabana aprobou onte en sesión plenaria a execución de varios proxectos de reparación de estradas municipais. Os traballos contarán cun orzamento de 356.296,81 euros, e enmarcaranse dentro do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal 2021.
Así, destácanse os proxectos nas estradas de Monelos, Ures e Canduas, por unha banda; e a reparación das estradas municipais Muíño-O Burgo, As Revoltas-Buzaco, Peralta-Ameixenda, A Mata, Remisqueira, Remisqueira-Os Anles, Perrol-Baralláns, A Gándara, Cures, Lugar de Cabana, Lugar de Cundíns.
No caso da estrada de Monelos, realizarase unha excavación de terras por medios mecánicos e perfilado manual onde se precise. Precisaranse tarefas de recheo retirarase o cableado existente do alumeado público. Colocarase unha nova liña aérea de alimentación para alumeado público conformada por condutores de cobre.
En Ures, excavarase mediante medios mecánicos e perfilarase de xeito manual esta vía e procederase ao recheo correspondente, para a posterior reparación e correcta mellora da mesma.
En Canduas, demolerase e levantarase o antigo pavimento para posteriormente realizar a excavación de terras e instalar unha tubaxe de formigón en masa. Instalarase unha arqueta de rexistro e instalarase un muro de contención para evitar posibles derrubamentos.
En canto ao segundo proxecto, comentado previamente, os traballos céntranse nas tarefas de roza dos camiños, limpeza con medios mecánicos e nivelación da superficie dos viais, ademais da elevación de tapas de rexistro e pintado das marcas viarias para mellorar a seguridade en todos os tramos.
Plan Complementario
Dentro da partida do Plan Complementario do ano 2021 no que se inclúen os investimentos financeiramente sostibles, a proposta é incluír os seguintes proxectos: a reparación de camiños en Borneiro, As Salgueiras, O Esto e Padrín, por un total de 90.819,70 euros; a segunda fase do proxecto da contorna da Igrexa parroquial e da Casa Reitoral de San Pedro de Corcoesto, por 54.196,84 euros e a execución e rehabilitación da reitoral de Cesullas, cun valor de 106.552,6 euros.
Gastos sociais extraordinarios
Outro dos puntos da sesión centrarase na partida que se adicará a gastos sociais extraordinarios, que contará cun total de 133.157,24 euros, destinados íntegramente a solventar apartados de temática social e por mor da incidencia da covid-19 no muncipio cabanés. Neste punto cabe recalcar que se impulsará un servizo de acompañamento, iniciativa para tratar de paliar os efectos negativos a nivel emocional causados pola pandemia, como por exemplo, a soidade.
Outros puntos
Na sesión, que se celebrou onte ás 20:00 horas no Salón de sesións da Casa do Concello, debateuse o recoñecemento extraxudicial de crédito; a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza non fiscal para a protección e conservación dos camiños e vías públicas en relación coas operacións de saca de madeira e a resolución de alegacións e aprobación definitiva do documento do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.