Decidíronse suspender os tradicionais desfiles e a gala que se celebraban no pavillón municipal.
O departamento de Cultura promove tres concursos nos que a veciñanza poderá mostrar os seus espantallos e disfraces en distintas modalidades.
O Concello de Cabana de Bergantiños celebrará este ano un Entroido diferente por mor da complexa situación sanitaria actual. Deste xeito, quedan suspendidos os tradicionais desfiles e a gala presencial que se realizaba cada ano nas instalacións do pavillón municipal e promóvense tres concursos que se celebrarán de xeito telemático.
Desde o departamento de Cultura promóvense os certames ‘Crea un meco’ e ‘Xogando a ser outr@s’, este último cunha modalidade individual e outra para conviventes. O obxectivo destas iniciativas é o de “promover a participación da veciñanza de todas as idades e manter vivo o espírito destas datas tan especiais”, aseguran.
O alcalde de Cabana, José Muíño, destacou a importancia da iniciativa para “manter vivo o espírito do Entroido nunha época complicada para todos e todas”. “Estamos ante unha situación sanitaria adversa, pero desde o goberno local seguimos traballando para que a ilusión siga presente en todos os fogares de Cabana, sobre todo nunha festa tan nosa coma esta”, concluíu.
‘CREA UN MECO’
As persoas que opten por participar no ‘Crea un meco’ deberán construír un boneco ou un espantallo orixinal cun soporte e tomar fotografías ou vídeos do mesmo. A figura terá que estar situada nun espazo baleiro da casa ou do seu exterior e representar unha das seguintes temáticas: os traballos do campo, do mar, o espertar da natureza ou a expulsión do inverno e dos malos augurios.
O xurado valorará positivamente que o meco estea realizado con materiais reciclados que respecten o medio ambiente. É por iso que está prohibido o uso de plásticos para a súa elaboración.
‘XOGANDO A SER OUTR@S’
En canto ao certame ‘Xogando a ser outr@s’, a veciñanza poderá participar en dúas modalidades distintas. As persoas que queiran formar parte do concurso de disfraces individual terán que gravar un vídeo de ata 3 minutos desfilando ou bailando co seu traxe personalizado. Haberá tres categorías: mellor vídeo infantil, ata os 11 anos; mellor vídeo xuvenil, de 12 a 30 anos e mellor vídeo de maiores, de 30 anos en diante.
Finalmente, o concurso de comparsas de conviventes do ‘Xogando a ser outr@s’ estará aberto á participación de unidades familiares ou de conviventes. Deberán vestir os seus disfraces e desfilar ou bailar con eles postos nun vídeo de ata 3 minutos.
PREMIOS
Haberá un gañador ou gañadora en ‘Crea un meco’, que recibirá unha tablet como premio. En ‘Xogando a ser outr@s’, entregaranse unha tablet por categoría (tres en total) na modalidade individual e outra máis para o grupo vencedor na comparsa de conviventes.
As persoas interesadas en participar en calquera dos tres concursos deberán cubrir o formulario de inscrición, dispoñible en www.cabana.gal, e envialo xunto ás súas fotografías e vídeos a cultura.concello@gmail.com ou a través de Whatsapp no 609 212 230. Poderanse enviar ata o 17 de febreiro e a resolución farase pública o día 19. As persoas participantes ou que aparezan nos vídeos ceden a súa imaxe para publicacións relacionadas co concurso.