· Este armario automatizado estará situado na Praza do Mercado e permitirá axilizar o proceso ao non ter que pasar pola oficina.
· Sandra Insua solicitou esta infraestrutura nunha reunión co xefe do sector de Oficinas, José Manuel Costa Juncal.
O Concello de Camariñas contará proximamente cun punto de recollida de paquetes de Correos, un lugar alternativo á oficina postal tradicional onde a clientela pode recibir ou enviar os seus paquetes dun xeito sinxelo e moito máis áxil.
Ante a redución de horarios que están a sufrir as oficinas de Correos no municipio, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, reuniuse co xefe do sector de Oficinas, José Manuel Costa Juncal, ao que lle solicitou que se instalase esta infraestrutura. “Queremos dotar á cidadanía dun servizo moderno e que se prevé que nun futuro será o máis empregado para a recollida e envío de paquetería”, sinalou a rexedora.
Este armario automatizado estará situado na Praza do Mercado e contará con compartimentos de distintos tamaños. Unha das principais vantaxes é que tanto os envíos como as recollidas poden facerse fóra do horario habitual das oficinas de Correos, con procesos cómodos e flexibles e, ademais, reducindo as colas nas oficinas.