HomeA CoruñaCamariñas dará voz aos maiores para coñecer e recuperar diferentes manifestacións culturais...

Camariñas dará voz aos maiores para coñecer e recuperar diferentes manifestacións culturais a través das súas vivencias

- Anuncio -spot_img

Farao a través dun concurso chamado ‘O Enxoval da memoria’, no que se repartirán 900 euros en premios.
A temática de partida será o Entroido e o prazo para enviar os vídeos rematará o 28 de febreiro.

O Concello de Camariñas pon en marcha unha iniciativa denominada ‘O enxoval da memoria’ que ten como obxectivo coñecer e recuperar diferentes manifestacións culturais por medio do relato das persoas maiores.

O programa, que se fará a modo de concurso, levarase a cabo de xeito virtual por medio da gravación de vídeos por parte dos participantes. O obxectivo é o de dar visibilidade aos maiores compartindo o tesouro do pasado a través da memoria e promover así as relacións entre xeracións.

A temática de partida será o Entroido e a gravación terá que ser protagonizada por unha persoa maior. Valoraranse, exclusivamente, as gravacións en vídeo das vivencias persoais relacionadas con esta festividade atendendo, entre outros aspectos, a como se celebraba o Entroido; diferencias en como se celebraba antes e agora; cantigas, ditos, bromas típicas do Entroido; receitas de cociña; disfraces; diferencias por sexo e idade… Tamén se terá en consideración a achega de material gráfico como fotografías, cartelería, folletos, etc., sobre o Entroido que complementen o relato oral.

Premios

Repartiranse un total de 900 euros en premios, divididos en: 300 euros para a mellor produción de vídeo sobre vivencias do Entroido, 100 euros para os cinco primeiros vídeos enviados, e unha cesta de Entroido valorada en 100 euros entre todos os participantes. Tanto do segundo premio como da cesta quedarán excluídos aqueles que perciban o premio á mellor produción de vídeo.

Como participar

As persoas interesadas en participar enviarán un vídeo coas características anteriormente descritas xunto coa solicitude de participación ao departamento de cultura do Concello de Camariñas no correo electrónico cultura@camarinas.net ou a través do Whatsapp 665 13 44 90.

O prazo de envío de vídeos e solicitude de participación comezará mañá, martes 2 de febreiro, e remata o 28 de febreiro. Os vídeos enviados con posterioridade a esta data non participarán no concurso pero poderán ser difundidos publicamente.

Publicacións Relacionadas