Carballo reafírmase como punto de referencia para o sector dos videoxogos coa celebración, entre o 9 e o 12 de abril, da segunda edición da Atlantic Games Conference, unha iniciativa organizada polas concellarías de Mocidade e de Promoción Económica. Tras a boa acollida da estrea, o encontro regresa cun programa reforzado que combina formación para profesionais, espazos de exhibición, actividades divulgativas e propostas pensadas para achegar o videoxogo a novos públicos.
A programación arrancará o 9 de abril con dous obradoiros especializados. Xogar para falar de xogar: un achegamento á mediación cultural con videoxogos está orientado a persoal de bibliotecas e educadores e será impartido por Lucas Ramada na Biblioteca Rego da Balsa. Na mesma xornada, Marina González ofrecerá no bar O Bodegón o taller Tecendo píxeles: do dixital ao físico, dirixido a público adulto.
O eixo central da Atlantic Games Conference terá lugar os días 10 e 11 de abril, cunha ampla zona expositiva no Fórum Carballo na que participarán 18 postos para amosar videoxogos e o traballo de entidades vinculadas ao medio. O programa completarase con charlas de profesionais de primeiro nivel e diferentes talleres, favorecendo o encontro entre a comunidade creadora, o estudantado e as persoas afeccionadas.
Como peche, o 12 de abril celebrarase nas Escolas do Xardín a charla A outra historia do videoxogo, a cargo de Isi Cano, unha proposta divulgativa aberta a todo o público.
Coa continuidade desta cita, Carballo dá un paso máis na súa estratexia de impulso ao videoxogo como ámbito de creación cultural, innovación e aprendizaxe compartida, fortalecendo unha marca que aspira a converterse nun referente dentro e fóra de Galicia.



