• O Concello abre o parque do Chorís, un dos novos espazos de lecer que integran a historia local e a natureza no deseño dos xogos
• A xornada inclúe a presentación do bus “Máis de Carballo que o pan”, unha ruta circular e obradoiros de poesía, natureza e auga.
Carballo prepárase para vivir un día cheo de maxia, xogo e descubrimento coa xornada “Carballo para a infancia”, que se celebrará o venres 20 de marzo, aproveitando que é día non lectivo na práctica totalidade dos colexios. Esta proposta está deseñada para que a cativada e as súas familias gocen dunha experiencia única que conecta o lecer coa identidade carballesa.
A festa arrincará ás 11.00 h na Praza do Concello coa presentación do autobús “Máis de Carballo que o pan”, froito da colaboración con Autos Costa. A continuación, abrirase o renovado espazo de xogos do Parque do Chorís, que destaca polo seu impresionante tobogán e unha espectacular réplica do depósito de auga, símbolo do skyline local.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez López, salientou o valor pedagóxico destes novos proxectos: “Queremos que os nosos nenos e nenas xoguen na historia de Carballo. Estes novos parques non son só espazos de lecer; son lugares onde o noso depósito, o noso trolebús ou o carballo simbólico cobran vida. Deseñamos unha vila que se poida aprender e gozar desde a infancia, respectando sempre a nosa contorna natural”, manifestou.
Aprender xogando
De 11.30 a 13.30 h, a rapazada poderá celebrar o Día da Árbore, da Poesía e da Auga a través de tres obradoiros nos que colaboran Dixardín e Gestagua:
• Construción de casiñas para paxaros, que logo serán colocadas polo servizo de xardíns nas árbores dos espazos públicos.
• Poesía en follas de carballo, que se pendurarán nunha árbore de madeira.
• Creación de pingas de auga con globos.
Pola tarde, de 16.00 a 19.00 h, o bus “Máis de Carballo que o pan” realizará unha ruta circular gratuíta con paradas nos tres novos parques infantís, que representan elementos tan simbólicos do noso concello como o propio pan: o Chorís (o depósito de auga, punto máis alto do skyline urbano), a Praza do Outeiro (a árbore que nos dá nome e a natureza) e o Rego da Balsa (a historia do trolebús).
Por iso, con esta iniciativa, Carballo non só estrea infraestruturas de lecer, senón que convida á infancia a coñecer a súa historia a través do xogo e o respecto polo medio ambiente.



