Carballo prepárase para acoller unha nova cita destacada do calendario deportivo provincial: a I Fase da Liga Provincial da Coruña de Ximnasia Rítmica. O evento, que se celebrará este xoves 19 de marzo no Pavillón Vila de Noia, reunirá a deportistas de toda a provincia nas modalidades individual e conxuntos.
A competición, organizada pola Federación Galega de Ximnasia e o Club Rítmica Carballo, en colaboración co Concello, contará cunha participación masiva que abrangue dende as categorías de formación (iniciación e prebenxamín) ata as categorías sénior e máster.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou na presentación do evento a importancia de atraer eventos deste calibre á localidade: “Para Carballo é un orgullo volver ser a sede dunha competición que promove valores tan positivos entre a mocidade. Recibir a centos de deportistas e as súas familias non só dinamiza a nosa vila, senón que demostra que contamos coas instalacións e a capacidade organizativa necesarias para ser un referente deportivo na provincia”.
Pola súa banda, o Club Rítmica Carballo, que exerce como anfitrión, afronta a cita con gran ilusión. A súa presidenta, Manuela Velo, salientou o traballo previo realizado: “Levamos semanas preparando cada detalle para que as ximnastas se sintan coma na casa. Para o noso club, competir en Carballo é un premio ao esforzo diario das nosas deportistas e unha oportunidade única para que os veciños e veciñas poidan gozar en directo deste deporte tan plástico e esixente”.
Unha xornada completa de deporte e esforzo
O evento dividirase en dúas grandes quendas para facilitar o fluxo de participantes e público:
- Xornada de mañá (10:00 a 14:30 h): centrada principalmente nas categorías escolar (sénior, cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín) e as primeiras quendas de promoción.
- Xornada de tarde (16:00 a 20:20 h): quenda para as categorías de promoción e prebase, modalidade de conxuntos e individuais incluíndo os niveis xuvenil e cadete, alevín e benxamín e prebenxamín
A organización prevé diversas entregas de premios ao longo do día para recoñecer o traballo das ximnastas tras cada bloque de competición:
- Mañá: 12:10 h e 14:15 h.
- Tarde: 18:10 h e 20:05 h.
A apertura de portas para o público xeral realizarase ás 09:30 h na xornada de mañá e ás 15:30 h na de tarde.
Este evento non só supón unha oportunidade para gozar da plasticidade e técnica da ximnasia rítmica, senón que tamén reafirma o compromiso de Carballo co deporte base e a promoción de hábitos de vida saudables entre a mocidade.



