Carballo pon o foco na divulgación astronómica co programa “Sol x Ciencia” ante a histórica eclipse do 12 de agosto

Redacción

Catro especialistas do CSIC, a USC e o Centro Astronómico Trevinca participarán nas sesións, que terán lugar o día 20 deste mes en Baldaio e o 29 en Razo

Coa vista posta na histórica eclipse do vindeiro 12 de agosto, o Concello de Carballo pon en marcha Sol x Ciencia. Trátase dun novo programa de divulgación científica deseñado para dotar á cidadanía de ferramentas de análise, rigor e coñecemento seguro ante un dos fenómenos astronómicos máis importantes da década.

Inspirado no modelo de democratización da ciencia do festival Pint of Science, o ciclo traslada o debate científico fóra dos laboratorios. O propio nome da campaña, Sol x Ciencia, sintetiza este espírito: por un lado, a maxia do solpor (hora na que darán comezo as sesións); polo outro, a “x”, que representa a variable, a incógnita matemática e o método de procura de respostas que define á ciencia.

As sesións —enmarcadas na European Researchers’ Night— abordarán o comportamento do noso sistema solar e os seus efectos sobre a Terra a través de diversas disciplinas científicas. O desenvolvemento será moi semellante ao do festival de maio, con dúas charlas breves e asequibles en cada xornada, xogos e sorteos, nun ambiente distendido como é o do bar. Nesta primeira edición colaboran o Camping Baldaio e o Terra Bar de Razo.

Luns, 20 de xullo | Camping Baldaio (20:30 h)
Isabel Lema Gesto, profesora titular da área de Oftalmoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora en neurociencias clínicas.

o Relatorio: A eclipse a través dos teus ollos: mirar o sol de xeito seguro. Explicará os efectos físicos e biolóxicos da radiación solar sobre a retina e o sistema visual humano, e achegará as pautas científicas imprescindibles para unha observación segura e sen riscos.
César González García, doutor en Astrofísica e investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Experto en Astronomía na Cultura e Arqueoastronomía.

o Relatorio: Ceos de pedra: eclipses na historia e na cultura. O seu eido de estudo céntrase en como as diferentes civilizacións do pasado entendían e rexistraban os fenómenos celestes. Analizará o impacto histórico e social dos eclipses dende a prehistoria ata a actualidade.

Mércores, 29 de xullo | Terra Bar – Razo (20:30 h)
Begoña Nicolás Ávila, profesora de Astronomía e Astrofísica e Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Especialista en Mecánica Celeste.

o Relatorio: Cando un aliñamento dos astros non é suficiente. Abordará o fenómeno dende un punto de vista matemático e físico, desvelando os complexos cálculos, as órbitas e as variables xeométricas exactas que fan posible que a Lúa oculte o Sol.
Óscar Blanco Varela, director do Centro Astronómico Trevinca.

o Relatorio: A eclipse da nosa vida. Como experto en astrofotografía e divulgador de referencia no campo da observación do ceo profundo, guiará ao público nos aspectos máis técnicos e prácticos para capturar e gozar visualmente dun evento que, pola súa magnitude, cualifica como “a eclipse das nosas vidas”.

Este ciclo forma parte do Proxecto Talento km0 (TALK0), coordinado pola Concellaría de Innovación do Concello de Carballo co financiamento da Unión Europea. Cun enfoque rigoroso pero accesible, Sol x Ciencia reivindica o rigor científico e o pensamento crítico como ferramentas clave para que a poboación poida comprender, gozar e documentar de forma segura o eclipse solar que viviremos en poucas semanas.

Comparte este artigo