• A alcaldesa, Ana María López, explica que “damos un paso moi importante para seguir mellorando os servizos municipais e, ao mesmo tempo, apostar por unhas instalacións deportivas dignas e modernas”.
• A actuación no campo municipal únese á reparación do Pavillón, que se atopa xa na última fase moi preto da finalización dos traballos.
O Pleno do Concello de Cariño aprobou o pasado xoves, 5 de febreiro, o POS+ 2026 da Deputación dá Coruña, que contará cun orzamento total de 417.676,83 euros, destinados tanto a gasto corrente como a unha importante actuación de mellora no Estadio de Fútbol Municipal de Cariño.
Do importe total aprobado, 143.360,82 euros destinaranse a gasto corrente, o que permitirá reforzar a prestación dos servizos municipais e contribuír ao bo funcionamento diario do Concello. O resto do orzamento investirase na remodelación integral do campo de fútbol municipal, unha actuación demandada polos usuarios das instalacións deportivas.
O proxecto contempla a substitución do céspede artificial, a renovación das canalizacións laterais de evacuación de augas, así como a adquisición de novo equipamento deportivo, que incluirá catro porterías de fútbol 8, dúas porterías de fútbol 11 e novos bancos para fútbol 11, mellorando notablemente as condicións de uso e seguridade do recinto.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, destacou a importancia deste investimento tanto desde o punto de vista deportivo como social, afirmando que “coa aprobación do POS+ 2026 damos un paso moi importante para seguir mellorando os servizos municipais e, ao mesmo tempo, apostar por unhas instalacións deportivas dignas e modernas. O campo de fútbol é un espazo crave para os nosos nenos, novos e clubs, e esta actuación era unha prioridade para o goberno local”.
Esta actuación únase ás obras de reparación e acondicionamento do Pavillón Municipal, que está xa na súa última fase, moi preto da finalización dos traballos.



