HomeA CoruñaCariño repartirá preto de 3.600 euros en premios durante a súa festa...

Cariño repartirá preto de 3.600 euros en premios durante a súa festa do Entroido

- Anuncio -spot_img

• O Concello premiará aos tres mellores clasificados en cinco categorías diferentes.

• A programación municipal dará comezo o sábado 14 de febreiro e estenderase ata o martes día 17.

• A alcaldesa, Ana María López, destaca que “desde o Concello facemos un esforzo importante para ofrecer premios atractivos porque queremos recoñecer o esforzo e animar a que participe xente de todas as idades”.

O Concello de Cariño repartirá preto de 3.600 euros en premios durante a celebración do Entroido, unha das citas festivas máis esperadas do municipio que contará cunha variada programación pensada para todos os públicos. Este ano, o Entroido municipal dará comezo o 14 de febreiro e estenderase ata o día 17.

O prato forte chegará o domingo 15 de febreiro, coa celebración do tradicional desfile de disfraces, que partirá ás 18:00 horas desde o Polideportivo Municipal e estará amenizado pola Batería do Cariño. Neste desfile, que concluirá na praza Roxa, o Concello de Cariño repartirá 3.595 euros en premios a dividir entre os tres primeiros clasificados das distintas categorías.

Na categoría de Comparsas entregaranse premios de 1.300, 800 e 400 euros. En Grupos de Adultos (máis de tres persoas), os premios serán de 300, 150 e 100 euros. Para Adultos Individual ou Parellas, repartiranse 150, 75 e 50 euros. En Grupos Infantís (máis de tres participantes), os premios serán de 90, 60 e 30 euros, mentres que na categoría de Infantil Individual ou Parellas concederanse 50, 25 e 15 euros.

A alcaldesa de Cariño, Ana María López, destaca que “o desfile do Entroido é o momento máis especial de toda a programación, unha cita que cada ano demostra a creatividade e o traballo en grupo dos nosos veciños e veciñas. Desde o Concello facemos un esforzo importante para ofrecer premios atractivos porque queremos recoñecer ese esforzo e animar a que participe xente de todas as idades”.

As inscricións para participar no desfile permanecerán abertas ata o xoves 12 de febreiro ás 14:00 horas, coas bases dispoñibles para a súa consulta na páxina web municipal.

A programación municipal dará inicio o sábado 14 de febreiro

A programación dará comezo o sábado 14 de febreiro, con animación infantil na carpa da praza Roxa de 16:30 a 19:30 horas, con inchables e xogos xigantes de madeira. A partir das 21:30 horas haberá un pasacalles coa charanga Brassica Rapa e desde as 23:30 horas actuarán o Grupo A Disquetera e a Disco Móbil Chocolate.

Logo do desfile do domingo, o luns 16 de febreiro continuará a programación con animación infantil, inchables, xogos e obradoiros na praza Roxa de 16:30 a 19:30 horas. Ás 21:30 horas terá lugar outro pasacalles, nesta ocasión coa Charanga Santa Compaña, e a partir da 1:00 horas haberá sesión musical con DJ Miguel GZ.

O Entroido despedirase o martes 17 de febreiro con animación infantil, inchables e xogos populares na carpa da praza Roxa, poñendo o broche final a varios días de festa no municipio.

Publicacións Relacionadas