· O obxectivo da campaña é estimular o consumo no tecido económico e promover os recursos turísticos do municipio.
Estimular o consumo no tecido económico e promover os recursos turísticos do municipio. Eses son os dous obxectivos de Volve a Carral non Nadal, unha campaña coa que o Concello repartirá 2.000 euros en premios entre a clientela dos establecementos comerciais e hostaleiros adheridos. A concelleira de Comercio, Isabel López Pérez, confía en que a iniciativa sirva “para impulsar e dar a coñecer a ampla variedade de locais que temos tanto en Carral como nas parroquias, así como para estimular ou consumo nos mesmos durante as festas”.
A iniciativa estará dispoñible ata o 12 de xaneiro. Ata esa data, as persoas que fagan as súas compras nos establecementos adheridos recibirán un rasca. O consumo mínimo para recibir estes boletos está marcado en 20 euros para todos os tipos de negocio (excepto no caso de bazares, mercerías, farmacias e hostalería, nos que se fixa un mínimo de 5 euros).
En caso de resultar agraciada, a persoa deberá entregar o rasca premiado no Concello, xunto co ticket de compra, ata o 30 de xaneiro. Concederanse dous galardóns de 300 euros, catro de 200 e seis valorados en 100 euros que deberán consumirse, preferiblemente, nos establecementos rexistrados en Volve a Carral non Nadal ou no resto de negocios do municipio.



