Do 16 de outubro ao 11 de novembro, o local ferrolán propón un menú degustación con tres elaboracións protagonizadas por cogomelos de tempada, ademais de opcións en ración
En Casalexo, cada tempada ten o seu ritmo e os seus ingredientes, e agora chega o momento de explorar os matices do outono coa XIII edición do Tempo de Cogomelos.
Durante case un mes, entre o 16 de outubro e o 11 de novembro, o local situado na rúa Pardo Baixo 15 ofrecerá un menú degustación composto por tres pratos a base de cogomelos, por 28 euros (bebida non incluída). Tamén se poderán pedir en formato de ración, para quen prefira ir probando sen compromiso.
As especies irán mudando semanalmente atendendo á dispoñibilidade e ao momento óptimo de colleita, facendo que cada visita sexa unha experiencia distinta. Unha homenaxe á terra e ao tempo.
“O outono é unha estación que convida a cociñar con calma, a escoitar o produto e deixarse levar polos seus aromas”, comenta Alexo Negreira, responsábel de Casalexo. “Queremos que cada prato sexa unha experiencia, unha conversa entre o bosque e a cociña”.
O Tempo de Cogomelos forma parte da filosofía de Casalexo: cociña de tempada, produto de proximidade e propostas que evolucionan co calendario. Estas xornadas únense a outras xa emblemáticas como o Tempo de Cocido no Entroido ou o Tempo de Queixos na primavera, consolidando unha programación gastronómica que convida a saborear o ano paso a paso.