Home A Coruña Cedeira, Narón e As Pontes comprométense coa Fusquenlla

Cedeira, Narón e As Pontes comprométense coa Fusquenlla

- Anuncio -

Representantes dos gobernos locais de Cedeira, Narón e As Pontes asinaron esta tarde en Moeche o seu compromiso de adhesión ao proxecto, xa en marcha, do Centro de Transformación e apoio ao medio rural A Fusquenlla. O rexedor cedeirés, Pablo Moreda, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a responsable de Promoción económica das Pontes, Elena López, subscribiron un documento que irá seguido nos próximos días dos correspondentes convenios administrativos para sumarse ao sostemento das instalacións e dos servizos que se lle ofrecen ás produtoras e produtores de toda a comarca. Desta maneira serán xa sete os municipios implicados na xestión dun espazo orientado á transformación agroalimentaria que xa espertou o interese de 120 persoas e no que xa recibiron capacitación técnica máis de medio cento de usuarias e usuarios. A Fusquenlla pretende ser o referente no norte da provincia para a elaboración de distintos tipos de envasados de froita, horta e mel, así como un polo de dinamización económico baseado na transformación de excedentes da máxima calidade, ademais de todas as garantías sanitarias e de trazabilidade alimentaria.

O compromiso asinado hoxe por Cedeira, Narón e As Pontes en presenza dos representantes dos outros catro concellos promotores -Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño- incide no interese común de “apoiar a actividade agrícola da nosa contorna e facilitar os medios que dean o pulo necesario para o seu desenvolvemento”.

Un interese que reitera a filosofía coa que botou a andar A Fusquenlla aló polo 2018, primeiro como idea promovida por San Sadurniño e Moeche -á que logo se sumaron Cerdido e Valdoviño- e máis recentemente xa como centro en funcionamento, que contou cunha importante achega económica da Deputación da Coruña e dos fondos Leader xestionados polo GDR Seitura 22.

Segundo o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, A Fusquenlla “ofrece unha oportunidade moi grande para a xente que quere traballar e potenciar os recursos que ten a nosa terra” e, neste sentido, o rexedor considera que o sector primario “ten que ser un dos motores” da dinamización económica dos municipios.

Na mesma liña tamén se pronunciou a concelleira de Promoción económica das Pontes, Elena López, destacando o “grande potencial de produción do sector primario” da zona e a maneira en que A Fusquenlla pode axudar a “darlles saída aos excedentes estacionais” por medio da súa transformación en produtos “cun maior valor engadido”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, aludiu ao interese que espertou o centro na comarca desde a súa entrada en funcionamento. “Temos moitos produtores que están vindo a Moeche e cremos que era fundamental colaborar entre todos os concellos para ir máis alá e dar un mellor servizo”. Ferreiro explica que o documento asinado hoxe implica compromisos orzamentarios por parte dos municipios que, unha vez rubriquen os seus respectivos convenios, deberán ter reservadas as partidas necesarias para contribuíren ao financiamento deste servizo de xestión conxunta.

O financiamento da Fusquenlla será por partes iguais entre os sete municipios. En 2022, con catro consistorios implicados, a achega de cada un deles superou por pouco os 3.000 euros a pesar de que nese ano se efectuaron importante investimentos en equipamento sufragados maioritariamente pola Deputación da Coruña.

A incorporación de Cedeira, Narón e As Pontes, reforzará a parte económica -sostida tamén coas cotas das persoas usuarias das instalacións- e permitirá facer máis corpo á hora de recabar a axuda doutras Administracións. “A Deputación apoiounos ao cento por cento, en todo: na construción, na cesión de equipamento e na formación. A Xunta, en menor medida, tamén na formación. Entendo que ser sete vai ser un aval moi importante para que haxa unha obriga de comprometerse con este proxecto por parte da Xunta e que a Deputación continúe”, comenta Beatriz Bascoy. Parte dese compromiso farase realidade en breve cun investimento de cerca de 168.000 euros en máis equipamento, gracias a unha nova achega provincial e dos fondos europeos do Leader canalizados pola AGADER a través do GDR Seitura 22.

Alén da cuestión económica, a alcaldesa de Moeche quixo poñer en valor que A Fusquenlla estea ampliando pouco a pouco o seu ámbito territorial. “O importante de que sexamos sete é que se está consolidando o carácter comarcal co que naceu o proxecto. Hai persoas usuarias de moitísimos concellos, máis que destes sete, incluso de fóra da comarca. Agora mesmo temos 119 persoas interesadas, 50 xa co curso (a formación necesaria para poder usar as instalación), e agora vai haber 20 máis. Este proxecto vai máis alá de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño”.

Bascoy agradeceulles aos representantes de Cedeira, Narón e As Pontes que se unisen á Fusquenlla e apuntou que o seu carácter comarcal deixa a porta aberta a que sexan máis os concellos da zona que se sumen ao proxecto:”o apoio de máis concellos é fundamental para o futuro, para que se poidamos seguir ampliando o número de persoas usuarias.”

Un centro para o apoio ao medio rural e proxecto “bandeira” do Xeoparque
A Fusquenlla forma parte da rede de espazos de traballo compartido da Deputación da Coruña. Nas súas instalacións é posible elaborar zumes, conservas de horta e froita e, proximamente, tamén extraer e envasar mel, sexa para comercializar ou para autoconsumo.

As persoas que queiran utilizar as instalacións deben superar un curso de capacitación de 28 horas -o próximo arranca en marzo-, centrado tanto nas técnicas de elaboración e hixiene como no manexo do equipamento dispoñible.

Os grupos de usuarias e usuarios autoorganízanse para utilizar o centro cadrando coas épocas de cada produto, pagando individualmente os prezos estipulados na ordenanza publicada polo Concello de Moeche. Nestes momentos xa hai no mercado conservas elaboradas baixo o rexistro sanitario do espazo, aínda que coas marcas propias de cada pequeno produtor, como é o caso do zume de mazá de Bieiteiras; o “Dexchup”, as marmeladas e o tomate confeitado de Lúa de Dexo; ou a delicia de pemento de Ay! Carmen.

O centro intégrase, ademais, na estratexia do Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das iniciativas “bandeira”, promovendo o desenvolvemento territorial coa creación dun espazo totalmente equipado e con todas as garantías sanitarias “que as persoas usuarias non poderían asumir individualmente polo seu elevado custe”, recalca Beatriz Bascoy.

Relacionadas

Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, empresas gañadoras da XXV edición dos Premios Manuel...

0
Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXV edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou...

A viaxe a Eurodisney da campaña comercial de novembro da Pobra xa ten gañadora

0
A campaña comercial de novembro na Pobra do Caramiñal chegou ao seu fin co sorteo da viaxe a Eurodisney na mañá deste 2 de...

A Xunta de Goberno Local inicia os procedementos para a contratación de obras por...

0
Adxudicado por 44.724 euros o contrato de reposición das butacas do auditorio do Pazo da Cultura A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria...

O executivo municipal destinará case 380.000 euros á reparación da cuberta do pavillón municipal...

0
O executivo municipal deu luz verde á aprobación do expediente de contratación das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga...

O Concello de Fene retira as copas de varias palmeiras afectadas pola praga do...

0
Os traballos, realizados polo persoal municipal, afectaron a exemplares situados en diversos puntos do concello, como San Valentín ou Chamoso O Concello de Fene continúa...

Brión acollerá unha exposición solidaria con dous artistas dos Encontros da Arte que perderon...

0
José Galarzo e María Carmen Martínez, que impartiron obradoiros de acuarela e cerámica á rapazada de Brión, perderon o seu estudo emprazado en Paiporta O...

Publicacións Relacionadas