A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” chega en marzo á tenda de xogos Chafarís, que dedicará o mes a darlle visibilidade ao traballo da Fundación Down Compostela. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe as actividades, acompañada por Cristina Neira, xerente da xoguetería; e Juan Martínez, presidente de Down Compostela.
María Rozas puxo en valor esta colaboración “que reivindica a inclusión e que vai mostrar que o xogo é unha valiosa ferramenta para educar na diversidade”. Nese sentido, a concelleira explicou que Chafarís é unha tenda especializada en xogos de mesa “que non se limita a vender estes productos, senón que defende unha maneira de educar na que o xogo é un instrumento para favorecer as interaccións sociais e mellorar as relacións familiares, para fomentar a creatividade, a imaxinación e a autonomía dos nenos e nenas; é dicir, todo o contrario que o ocio baseado no mal uso das pantallas”. A tenenta de alcaldesa tamén loubou o traballo que desenvolve a Fundación Down Compostela, “acompañando ás persoas con síndrome de Down desde o seu nacemento ata a súa vida adulta, e tamén ás súas familias”.
Pola súa banda, Cristina Neira explicou que “Chafarís é un lugar para encontrarse e compartir, e para reivindicar o xogo como espazo para a inclusión, onde desaparecen as etiquetas e todos os nenos e nenas son iguais, e por iso tivemos claro que a nosa colaboración nesta campaña tiña que ser con Down Compostela”. Na mesma liña, o presidente da Fundación agradeceu a iniciativa, que permitirá difundir o proxecto “En Xogo” impulsado por Down Compostela durante a pandemia en colaboración con Chafarís para utilizar o xogo como elemento de aprendizaxe, adaptado ás persoas con Síndrome de Down. Juan Martínez salientou que no programa participan máis de medio cento de persoas co síndrome de Down, e téñense adaptado xa 15 xogos para as súas necesidades. Juan Martínez tamén aproveitou para lembrar que a colaboración na campaña “12 Comercios, 12ensibilidades” coincide no mes de marzo, no que se celebra o Día Internacional da Síndrome de Down, que a Fundación celebrará o día 20 cunha gala no Auditorio de Galicia.
Actividades do mes
Ao longo do mes, Chafarís terá instalado un punto informativo para darlle visibilidade ao traballo da Fundación Down Compostela, así como un escaparate temático dedicado á entidade.
O 11 de marzo está prevista unha visita á tenda do alumnado de Down Compostela que está a participar nun curso de comercio e no día 26 haberá unha “xornada xogona” en Chafarís, no que as usuarias da Fundación Down Compostela poderán coñecer os produtos da tenda. A colaboración tamén prevé un sorteo dun vale de 50 euros para gastar no establecemento, entre todas as persoas que se acheguen a coñecer a colaboración.



