HomeA CoruñaChutin's Garage e La Tapadera, primeiros premios do Concurso de Embelecemento de...

Chutin’s Garage e La Tapadera, primeiros premios do Concurso de Embelecemento de Locais Comerciais e Hostaleiros

- Anuncio -spot_img

· No apartado de establecementos comerciais, Mandarina alzouse coa segunda posición e a Taberna Os Cuñados fixo o propio no apartado de hostalaría.

· A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, visitou os distintos negocios para felicitar aos gañadores.

O Concello acaba de pór o broche de ouro ao seu primeiro Concurso de Embelecemento de Locais Comerciais e Hostaleiros. Fíxoo coa entrega dos galardóns (dous primeiros premios e dous segundos) por parte da concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo. Nesta edición inaugural, a empresa de coidado e estética de vehículos, Chutin’s Garage, e o bar de tapas, La Tapadera, conseguiron as primeiras posicións nas seccións de comercio e hostalaría, respectivamente. A relación de galardoados completouse coa zapatería Mandarina e coa Taberna Os Cuñados, que lograron o segundo posto nas dúas categorías do certame.

A concelleira de Promoción Económica felicitou aos premiados, sobre todo tendo en conta “a cifra de negocios participantes e, especialmente, o alto nivel das decoracións”. En total, foron 22 os establecementos que concorreron no concurso, “cuxo esforzo e creatividade dificultou a decisión do xurado”. Ante a alta participación acadada, a concelleira avanza que se estudará aumentar o número de premios de cara ás vindeiras convocatorias da iniciativa.

Á hora de decidir os gañadores tivéronse en conta aspectos como a creatividade e orixinalidade, a estética e harmonía do conxunto, a iluminación e ambientación do Nadal, a integración ca contorna urbana e a contribución ao embelecemento xeral da vila. Así mesmo, a ornamentación do interior e do exterior do establecemento foi outra das cuestións que se valorarán á hora de outorgar os galardóns.

Como galardón, Chutin’s Garage e La Tapadera faranse cun primeiro premio de 1.000 euros. No caso de Mandarina e a Taberna Os Cuñados, o importe do premio será de 500 euros.

Publicacións Relacionadas