Este evento desenvolverase no 27 de xuño, no parque da Tasca e Casa da Cultura
A música tradicional continúa sendo a protagonista de distintas citas culturais en Ribeira. A Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, coa colaboración do Concello, promove a novena edición do festival de música tradicional Son’s que se desenvolverá no sábado, 27 de xuño, ás 21.30 horas, no parque da Tasca e na Casa da Cultura. Aquí cinco grupos musicais amosarán o seu talento: o Grupo de Canto e Percusión As Sete Linguas, o Grupo de Pandeireta Bailadela, o Grupo da A. F. Chorimas de Queiruga, o Grupo Tradicional Os Liantes de Artes e a Banda Lorelia, coñecida orixinalmente como Paracetafolk.
Na presentación estiveron presentes a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o vicepresidente da AFLM, Unai González; Ramona Sampedro, directiva da mesma e pandeireteira de As Sete Linguas; e Manola Valiño, profesora deste grupo.
“Temos unha nova cita co noso folclore que se levará, nesta ocasión, a unha das nosas parroquias, descentralizando así tamén a actividade cultural do centro neurálxico do municipio. Este festival xa está consolidado do calendario municipal e eríxese como un escaparate do talento das nosas agrupacións de música tradicional, así como doutras da nosa contorna. Quero agradecer aquí tamén o dinamismo do noso tecido asociativo e o establecemento de sinerxías coa Administración local”, en palabras da edil.
As persoas asistentes poderán desfrutar das melodías das referidas agrupacións, así como da foliada libre que haberá ao remate.

