Os locais sociais parroquiais acolleron nos últimos días as xornadas de clausura do programa de envellecemento activo que organizou a concellaría de Benestar Social e Igualdade baixo o nome de Seráns Activos. A actividade desenvolveuse entre os meses de novembro a xuño, de xeito itinerante, nas diferentes parroquias do concello, contando coa colaboración das entidades veciñais e culturais (AVV Limodre, CPS San Valentín, SCRD Agarimo, ACDR Liga de Amigos, AVV Perlío, AVV Magalofes e Centro Sociocomunitario).
A través deste programa ofertáronse obradoiros e experiencias para persoas maiores co obxectivo de que poidan gozar dun tempo de lecer activo e satisfactorio, contribuíndo a mellorar a imaxe social das persoas maiores e proporcionando ás persoas adultas claves e oportunidades para acadar un envellecemento activo e satisfactorio.
Os obradoiros que se levaron a cabo foron: Espazo de memoria; Lembranzas: o banco da memoria; e Recuperación da memoria.
• ESPAZO DE MEMORIA tivo como obxectivos principais: previr o deterioro cognitivo a través de exercicios eminentemente prácticos, favorecendo a autonomía persoal.
• LEMBRANZAS: O BANCO DA MEMORIA tivo como obxectivos principais: traballar as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica, aportando vivencias; e facer unha recuperación da historia da parroquia ou outras temáticas que elixiron as persoas participantes en cada grupo.
• RECUPERACIÓN DA MEMORIA tivo como obxectivos principais: mellorar as diferentes funcións cognitivas coa finalidade de retardar o inicio dunha demencia ou mantela estable.
Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade agradécese a cesión das instalacións para o desenvolvemento dos obradoiros ás entidades participantes, así como a colaboración prestada polo resto das entidades na difusión do programa.
Neste curso participaron un total de 105 persoas, entre os meses de outubro de 2024 e xuño 2025, contabilizánse un total de 630 horas no total do programa.
As sesións estiveron dinamizadas pola entidade AFAL Ferrolterra.