O ciclo de cinema Amal con Palestina clausurouse hoxe tras a proxección da última das tres películas programadas no auditorio da Fábrica, coa colaboración da Fundación Araguaney Puente de Culturas. O coñecemento mutuo das culturas de cada país é o mellor antídoto contra o medo e o odio, en palabras do embaixador Palestino en España, Husni Abdel Wahed, que o vernes inaugurou o ciclo co alcalde, Ángel García Seoane, e o presidente da Fundación, Ghaleb Jaber Ibrahim.
Tres foron os filmes. Na ficción The Teacher, de 2023, un profesor palestino enfróntase á devastadora realidade do conflito en Gaza mentres acomete o difícil empeño de inspirar aos estudantes. Unha mirada íntima sobre o choque entre o idealismo e a brutalidade cotián, onde o ensino é un acto de resistencia.
To land unknown (a un país descoñecido) é unha coprodución británico-greco-palestina que conta a historia de dous irmáns que moran nos suburbios de Atenas tratando de chegar a Alemaña antes de que sexa demasiado tarde.
Por último, Bye bye, Tiberias, a última das proxeccións, foi producida por Palestina, Bélxica, Qatar e Francia. Un documentar de Lina Souallem que conta a historia de Hiam Abass, que tras emprender unha carreira en Francia regresa á súa aldea en Palestina dando lugar ás testemuñas íntimas sobre catro xeracións de mulleres e o seu legado compartido de separacións.