COGAMI desenvolveu ao longo de 2024 tres programas clave para promover a igualdade, o empoderamento e a inclusión social de máis de 200 mulleres con discapacidade en Galicia, a maioría residentes en zonas do rural. Estas iniciativas centraron os seus esforzos en atender as necesidades específicas das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
O Programa de Promoción da Igualdade entre mulleres e homes beneficiou a máis de 90 mulleres con discapacidade mediante itinerarios personalizados de intervención social. Este programa, financiado pola Xunta de Galicia cos fondos do 0,7% do IRPF, baseouse nunha metodoloxía de Atención Integral Centrada na Persoa, dirixida a potenciar a autonomía persoal e fomentar a participación activa das mulleres, especialmente aquelas que residían en contornas rurais ou viviran situacións de vulnerabilidade. Un equipo de seis traballadoras sociais que COGAMI ten nos seus centros de A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Lugo deron soporte a estas participantes.
Baixo o proxecto Activando o rural: o empoderamento das mulleres con discapacidade, un total de 30 mulleres residentes en zonas rurais da provincia de Pontevedra recibiron atención individualizada. Este programa, financiado pola Deputación de Pontevedra, centrouse en ofrecer orientación sobre recursos dispoñibles, asesoramento social e persoal, e resolución de consultas no ámbito da discapacidade. As participantes, priorizando naquelas que estaban en situación de desemprego ou alta vulnerabilidade, obtiveron apoio para definir e desenvolver os seus plans de vida.
Ademais, o Servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, permitiu atender 80 mulleres. Este programa tiña como obxectivo reforzar a autonomía, empregabilidade e participación social das beneficiarias, especialmente das que sufriron situacións de violencia ou exclusión. Desde as oficinas de COGAMI en A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense, o equipo de traballo social realizou intervencións individualizadas e grupais que facilitaron o desenvolvemento de habilidades sociais e a mellora da empregabilidade.
Con estas iniciativas, COGAMI reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade e o benestar das mulleres con discapacidade en Galicia, respondendo ás súas necesidades sociais, laborais e persoais.