Está dirixido a 100 persoas desempregadas con discapacidade e/ou incapacidade laboral para a súa profesión habitual inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego 2025-2026, co propósito de mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral e aumentar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. O obxectivo é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes logren unha inserción laboral efectiva.
Financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o programa está dirixido a 100 persoas desempregadas que conten cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, ou cun certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual, e que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
As persoas interesadas en participar, poden contactar coas oficinas de COGAMI en Santiago (981 574 698), Vigo (986 281 893), e A Coruña ( 981 112 305).
Itinerarios personalizados
O Programa Integrado de Emprego de COGAMI baséase nunha metodoloxía de traballo individualizada, a través do deseño e seguimento de Itinerarios personalizados de inserción laboral. Dende o momento no que a persoa decide incorporarse ao programa, conta con acompañamento continuo tanto na fase de orientación como na de inserción laboral.
Tras unha avaliación inicial, cada participante recibe información, orientación, asesoramento e apoio individualizado, ademais de participar en obradoiros prácticos sobre técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.
Entre as accións formativas previstas inclúense técnicas de realización de entrevistas, fomento da capacidade emprendedora, e formacións adaptadas ás demandas actuais do mercado laboral, como condución de carretillas elevadoras, aplicacións informáticas de xestión, análise e vinculación de bases de datos en Excel, caixa e reposición, persoal de control de accesos, monitores de comedor escolar e mantemento básico de limpeza en instalacións.
O programa tamén promove accións de prospección empresarial, prácticas profesionais, obradoiros sobre mobilidade laboral e igualdade, e ofrece unha bolsa económica de 10 euros por asistencia a cada acción formativa, ademais de medidas de conciliación para favorecer a participación.
Novidades da edición 2025-2026
Nesta nova edición, incorpora novas ferramentas dixitais e tecnolóxicas para mellorar a comunicación coas persoas demandantes, unha aula de informática para facilitar a aprendizaxe, interacción directa co tecido empresarial, e a dispoñibilidade dun servizo de asesoría xurídica para resolver consultas relacionadas co emprego. Ademais, aplícanse metodoloxías adaptadas ás necesidades específicas de cada participante.
Dende a área de Emprego de COGAMI animan ás persoas inscritas como demandantes de emprego a participar neste programa que o pasado ano logrou a inserción laboral de 72 persoas, consolidándose como unha ferramenta eficaz para avanzar cara á inclusión laboral das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral en Galicia.



