Un total de 25 artistas participaron esta mañá na inauguración da exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que poderá visitarse no centro social polivalente de Brión ata o 30 de setembro
O alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, acompañados dos 25 prestixiosos artistas de distintos lugares do territorio nacional que participan no XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso, inauguraron esta maña a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”. Trátase dunha mostra homenaxe a este prestixioso artista, organizada co gallo da celebración do Día da Ilustración 2025, que contén 8 paneis informativos e 28 carteis enmarcados de Xosé Vizoso, que poderán visitarse no centro social polivalente de Brión ata o vindeiro 30 de setembro.
Pablo Lago aproveitou a inauguración para dar a benvida aos artistas a “posiblemente o Encontro coa Arte máis emotivo dos seus dezaoito anos de historia. Por unha banda porque estamos homenaxeando a un prestixioso ilustrador, deseñador e ceramista, pero tamén a un gran amigo que sen dúbida merece esta homenaxe, aínda que todos agardabamos que fora moito máis adiante”.
Ademais, aproveitou para mandar un agarimoso saúdo a José Galarzo e María Carmen Martínez, “dous integrantes desta gran familia que conforman o Encontro coa Arte e que sufriron de forma moi directa as consecuencias da Dina que arrasou Valencia o ano pasado. Dúas persoas que esta mesma mañá estiveron xunto con José Antonio Regidor compartindo uns obradoiros de acuarela e modelado coa nosa veciñanza. Agardo que ese grao de area que achegamos dende Galicia con esa exposición solidaria, fose de axuda. Como sempre digo, aquí tendes a vosa casa”. Un emocionado e agradecido José Galarzo non tivo máis voz que para dar as grazas e “agradecer a todos la ayuda que nos hicisteis llegar”.
Unha emoción que subiu en escala cando o técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez, anunciou a ausencia do comisario do Encontro coa Arte, Xosé Vázquez Castro, por motivos de saúde. “E iso que pediu a alta voluntaria para poder estar aquí”, puntualizou Alberto Álvarez, quen lembrou a gran amizade que unía a Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso, “Zipi e Zape, como eran coñecidos polos amigos”. O acto rematou coa proxección dun vídeo elaborado co gallo do Día da Ilustración 2025, dedicado a Xosé Vizoso, acompañado dunha selección de imaxes do propio Vizoso nos distintos Encontros coa Arte, dos que foi comisario xunto a Vázquez Castro. Unhas fotografías que emocionaron moito aos presentes, ata o punto de non poder conter as bágoas.
Programación
Para a xornada de mañá sábado 12 de xullo están programadas dúas sesións de pintura ao natural en Porto do Son, de 10:00 a 14:00 horas en e de 16:30 a 18:30 horas. A partir das 21:00 horas, o centro social polivalente brionés acollerá unha homenaxe a Xosé Vizoso, presentada por Siro López e coa actuación do grupo Os Quinquilláns, que porán en escena o espectáculo “Cousas de Castelao”, que conta cunha escenografía deseñada polo propio artista mindoniense. O espectáculo está aberto á participación de toda a veciñanza. A entrada é libre e de balde, ata completar capacidade.
O XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso pecharase o domingo 13 de xullo cunha derradeira sesión de pintura ao natural no Paseo do Río Pego, de 10:00 a 14:30 horas. Os 25 artistas participantes no XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso son: África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Camilo Seira, Carmen Hermo, Caxoto, Chelo Rodríguez, Fernando Yáñez, Isabel Pintado, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Paco Casal, Rafa Arroyo, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba e Veiras Manteiga.