Un total de 29 veciños e veciñas de Frades e Mesía participan nunha nova edición do Curso de Poda e Enxertos, organizado conxuntamente polos concellos de Frades e Mesía. Un curso de 20 horas de duración, 12 prácticas e 8 teóricas, no que o alumnado aprenderá técnicas de poda, así como os distintos métodos de propagación/multiplicación de plantas: sementes, enxertos, estaquillado, acodo, etc.
Os concelleiros de Cultura de Frades e de Mesía, Juan Carlos Portos e Pilar Sánchez Ulloa, asistiron á primeira sesión do curso, celebrada o pasado sábado na casa da cultura de Xanceda. As clases, impartidas polo profesor Rosendo Luís Estévez, terán lugar os sábados 21 de marzo e 4, 11 e 18 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Así mesmo, ata o vindeiro 24 de marzo está aberto o prazo de inscrición no Curso de Aplicador-Manipulador de Produtos Fitosanitarios, nivel básico, que terá lugar nas fins de semana do 11, 12, 18 e 19 de abril, en horario de 9:00 a 15:30 horas. O prezo do curso é de 130 euros e a data prevista para o exame é o venres 24 de abril. As inscricións poden realizarse no 981 695 567 (Frades) e no 981 687 001 (extensión 3. Mesía).



