A tubaxe xeral de condución de auga sita na zona da Costa da Tapia e que abastece ao Concello de Oleiros e partes do Concello de Cambre será renovada proximamente coa fin de mellorar o servizo.
O Concello de Oleiros conta cunha extensa rede de subministración de auga en todo o termo municipal mais destácanse 3 conducións xerais de auga principais que son a través da Ponte da Pasaxe, da Ponte do Burgo e do colector no Concello de Bergondo a través do bombeo.
Nestas semanas comezará unha das obras máis importantes: a renovación da tubaxe xeral da Costa da Tapia, na que se estaban a producir importantes problemas que dificultaban en diversas ocasións o correcto subministro de auga ao Concello de Oleiros e a algunhas rúas do limítrofe Concello de Cambre.
Trátase dunha obra moi necesaria para garantir o abastecemento a zonas de San Pedro de Nós e a Cambre. O custe da obra ascende 320.000 euros e leva un atraso na súa execución de 6 meses debido á falta de autorización de Patrimonio.
A alcaldesa de Cambre e máis o concelleiros delegado de Obras Públicas do Concello de Oleiros xa mantiveron unha reunión coa fin de detectar as afeccións desta necesaria obra para coordinar os traballos. Con todo, desde a empresa municipal de augas, AquaOleiros; enviouse unha carta informativa a todos os veciños e veciñas da Avenidas das Mariñas (desde a antiga fábrica de pensos Biona ata o pazo das Cadeas, aproximadamente) onde se lles informa que debido ao aumento de presión da auga na zona será necesario que no prazo de 25 días instalen un redutor de presión aquelas vivendas que non dispoñan xa del.
O Concello e Oleiros está constantemente renovando e mantendo as tubaxes para o correcto funcionamento do servizo. Neste sentido estanse realizando obras simultáneas na rede xeral en Montrove e en Oleiros (Lamastelle), ademais de instalar unha nova condución de auga na avenida Salvador Allende, en Nós.



