Tras a demolición dos muros que impedían o acceso ao parque, o Concello avanza co cronograma de intervencións correspondente á primeira fase dos traballos para a creación dunha zona verde no barrio do Agra
Novo pulo á primeira fase de intervencións no parque do Observatorio, onde o Concello puxo en marcha hoxe os traballos de axardinamento nas superficies máis próximas á rúa Canceliña, na Agra do Orzán.
A creación dunha nova área verde nesta parte do barrio era unha demanda veciñal dende hai décadas, e a alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse á apertura do primeiro parque do barrio, proxecto que está xa en marcha tras a retirada dos muros.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que “tras completar a demolición dos peches perimetrais que impedían o acceso ao Observatorio, o seguinte paso que tiñamos previsto era a adecuación das áreas verdes, co obxectivo de abrilas á cidadanía nas mellores condicións e coa estética real dun parque público”.
Neste sentido, esta mañá xa foron visibles as primeras intervencións sobre o terreo, para mover a terra e traballala de cara á plantación das novas árbores e arbustos, tamén da pradeira urbana que completará o mapa de zonas verdes nesta parte do Observatorio.
Ata que se complete esta fase de actuacións, a superficie liberada no parque do Observatorio —en virtude do acordo de cesión acadado en xuño entre o Concello e o Goberno estatal— seguirá estando acoutada por un valado, procedemento similar ao que se seguiu meses atrás nas actuacións a carón da praza da Tolerancia. “É importante que sexa así ata que se completen os traballos de xardinería, porque nesta fase o fundamental é non expor á terra á impactos externos e asentala para facilitar a plantación de arbustos e arboredo e que arraiguen”, explicou Díaz.
Entre os novos exemplares de arboredo que se prevé plantar no Observatorio haberá bidueiros e tamén plantas como abelias e margaridas amarelas.



