HomeA CoruñaComezan os traballos para renovar a pasarela entre estacións sobre Alfonso Molina

Comezan os traballos para renovar a pasarela entre estacións sobre Alfonso Molina

- Anuncio -spot_img

O Concello puxo en marcha esta semana as tarefas de cimentación e aprovisionamento de materiais da pasarela provisional, que permitirá manter o itinerario peonil entre Catro Camiños e Os Mallos

O Concello afronta estes días os traballos previos á renovación da pasarela entre estacións que sobrevoa a avenida Alfonso Molina, unha estrutura que será obxecto de intervención coa finalidade de reforzar a súa seguridade e durabilidade de cara ao futuro, tamén para mellorar a súa accesibilidade.

As actuacións na pasarela, aprobadas na Xunta de Goberno Local e adxudicadas á empresa Seranco, esixen revisións e tarefas de soldadura en taller. Isto implicará, tal e como anunciou o Concello meses atrás, a instalación dunha pasarela provisional que permitirá manter o tránsito peonil sobre Alfonso Molina mentres se completa o saneamento e pulido da pasarela orixinal.

A colocación da pasarela provisional, que se acometerá nas vindeiras semanas, irá precedida dunha fase preliminar, que inclúe a construción das cimentacións desta pasarela —xa visibles estes días na beira de Alfonso Molina lindeira coa rúa Marqués de Figueroa— e tamén o aprovisionamento de materiais e chapas que se usarán para montar a estrutura provisional. Estes equipamentos estanse a agrupar na outra beira da avenida, preto do cruzamento coa rúa Caballeros.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe de que a montaxe da pasarela provisional se levará a cabo despois de que se efectúen as correspondentes probas de carga, tal e como é habitual nestes casos.
“A pasarela entre estacións é un itinerario peonil fundamental para conectar os barrios de Catro Camiños e Os Mallos, e que conta cun intenso tránsito de persoas no día a día. Por iso é tan importante que non se interrompa este percorrido, e a pasarela provisional garantirá que así sexa. Desta forma, poderemos actuar mentres tanto sobre a pasarela orixinal, que é preciso adecuar e mellorar atendendo tanto ao impacto derivado do seu uso diario como pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas”, indicou Díaz.

A edil lembrou que o Executivo local vén traballando arreo na conservación e no mantemento destas estruturas desde o pasado mandato, actuando nas pasarelas que sobrevoan a avenida da Pasaxe, a da rolda de Nelle coa Falperra e tamén a que dá acceso ao parque de Santa Margarida sobre a avenida de Arteixo. “É un traballo de continuidade, a cotío menos perceptible e tal vez non tan espectacular como outras obras, mais importantísimo para os efectos de mobilidade para a veciñanza, porque permite conectar barrios da cidade e facelo, ademais, dunha maneira accesible”, razoou.

Publicacións Relacionadas