HomeA CoruñaCompostela celebra o 8M coa lectura dun manifesto e co fallo do...

Compostela celebra o 8M coa lectura dun manifesto e co fallo do Premio Xohana Torres

- Anuncio -spot_img

O Concello de Santiago conmemorou este venres o Día Internacional das Mulleres cun acto institucional no que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e representantes da Corporación Municipal deron lectura a un manifesto institucional que reafirma que “a igualdade non é unha política sectorial, senón un principio transversal que debe impregnar todas as actuacións municipais”. Tamén se celebrou a cerimonia na que se deu a coñecer o fallo do premio Xohana Torres 2025, que recaeu en Raquel C. Pico polo seu traballo ‘Na procura da primeira estrela galega. Maruja del Mazo e as mulleres do cine da Galicia dos anos 20’.

O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu na mañá deste venres a lectura da declaración institucional aprobada pola Corporación Municipal con motivo do 8 de marzo. A alcaldesa comezou o acto con palabras de Begoña Caamaño, que este ano artella a campaña municipal do 8M: “É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por qué non? Da felicidade”.

A continuación, catro alumnas do IES Eduardo Pondal deron lectura a unha serie de poemas e, seguidamente, as persoas portavoces dos grupos municipais leron a declaración institucional aprobada no último Pleno con motivo do 8M, que defende que “fronte a quen cuestiona a existencia da violencia machista ou banaliza as discriminacións, é necesario reforzar o compromiso institucional coa educación en igualdade, coa prevención e coa resposta integral ás violencias contra as mulleres”.

“O Concello de Santiago reafirma que a igualdade non é unha política sectorial, senón un principio transversal que debe impregnar todas as actuacións municipais. Avanzar cara a unha sociedade libre de discriminacións require recursos, vontade política, cooperación interinstitucional e a implicación activa da cidadanía”, sinala o texto ao que deron lectura, por esta orde, a concelleira non adscrita Mercedes Rosón, a socialista Marta Abal, o popular Borja Rubio, a primeira tenenta de alcaldesa e concelleira de CA María Rozas, a portavoz do goberno municipal e concelleira nacionalista Míriam Louzao e a alcaldesa, Goretti Sanmartín.

A través deste manifesto, o Concello reivindica que Santiago de Compostela é e quere seguir sendo un símbolo e un referente da loita feminista en Galicia e comprométese a continuar desenvolvendo ese legado con políticas públicas ambiciosas, transversais e sostidas no tempo, que sitúen a igualdade como un eixo central da acción municipal.

Premio Xohana Torres

Os actos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres continuaron co acto de entrega do premio de Ensaio, Investigación e Creación Audiovisual Xohana Torres 2025, organizado en colaboración coa USC.

A secretaria do xurado, Clara Fernández Nogueira, foi a encargada de ler a acta e desvelar o nome da gañadora que nesta edición é Raquel C. Pico pola súa obra ‘Na procura da primeira estrela galega. Maruja del Mazo e as mulleres do cine da Galicia dos anos 20’.

A alcaldesa cualificou de “realmente fascinante” esta historia sobre as mulleres no cinema e desexou que a súa publicación sexa tan éxitosa coma a das premiadas precedentes.

Pola súa parte, a autora reivindicou a historia de Maruja del Mazo, unha rapaza que foi a primeira estrela dunha película de cine feita en Galicia, nos anos 20, que amosaba á rapaza moderna nun momento no que a liberación estaba ligada á diversión.

A gañadora recibe un premio de 2.500 euros, así como a cobertura dos dereitos de edición e a publicación por parte de Edicións USC. Ademais, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela daranlle a máxima difusión posible a esta obra.

No acto interveu tamén Sonia Rodríguez Boente, delegada do reitor da USC para a Igualdade, e membro do xurado, quen agradeceu “a cooperación e colaboración profunda do Concello” nesta materia e destacou a importancia de facer valer o lema do 8M de Nacións Unidas deste ano: ‘Dereitos. Xustiza. Acción.’ Lembrou tamén que proximamente a Universidade de Santiago terá unha reitora, por primeira vez na súa historia. “Aínda que haxa que esperar 530 anos, todo chega”, afirmou.

O xurado que valorou as tres obras presentadas estivo integrado pola alcaldesa en calidade de presidenta e os vogais Sonia Rodríguez Boente, delegada do reitor da USC para a Igualdade; Marta Rodríguez Castro, profesora de Ciencias da Comunicación; Yolanda Martínez Suárez, profesora de Filosofía e Antropoloxía; Ana Cabana Iglesia, profesora de Historia; Patricia Alonso Ruido, profesora de Pedagoxía e Didáctica; Educardo Rey Tristán, profesor de Historia; Beatriz Busto Miramontes, profesora de Filosofía e Antropoloxía; e Clara Fernández Nogueira, técnica de administración xeral e asesora xurídica do departamento de Igualdade, como secretaria.

O acto pechouse cunha intervención da alcaldesa, que reafirmou o compromiso do Concello coa igualdade dende o traballo diario e co consenso de todos os grupos municipais. Goretti Sanmartín destacou tamén o reforzo da dirección do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e o traballo realizado por Teresa Furelos, xefe de servizo de Políticas Sociais.

Vivenda para vítimas de violencia de xénero e colectivo LGTBIQ+

Por outra parte, a alcaldesa avanzou que a Xunta de Goberno local aprobará na súa reunión ordinaria do próximo luns a adscrición ao departamento municipal de Igualdade dunha vivenda que servirá como recurso habitación para vítimas de violencia de xénero e persoas do colectivo LGTBIQ+ que o precisen.

Finalmente, a rexedora aludiu á idea de Begoña Caamaño da necesidade de reescribir a historia para rescatar a achega de mulleres que “infelizmente” foron invisibilizadas e rematou a súa intervención cun fragmento do libro ‘Circe ou o pracer do azul’ animando as mulleres novas a se apoderar.

Premios Mulleres de Compostela

Os actos de conmemoración do 8M do Concello de Santiago continúan o luns 9 de marzo coa entrega dos premios Mulleres de Compostela 2026 no Teatro Principal ás 19.00 horas. A alcaldesa convidou a asistir a esta gala na que se entregarán oito recoñecementos á traxectoria de mulleres relevantes para Compostela: As fillas bravas de Momán (as actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar), a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a economista María Loureiro, a comerciante Luisa Ríos, a inspectora principal de Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago Pilar Farjas.

As persoas que desexen asistir ao acto deben solicitar butaca enviando un correo electrónico a protocolo@santiagodecompostela.gal.

Publicacións Relacionadas