En primeiro lugar, o Concello de Bergondo quere trasladar á cidadanía, e en especial ao Club de Remo Olímpico Mandeo, o seu recoñecemento ao traballo deportivo e social que a entidade desenvolve no municipio desde fai preto dunha década.
Desde a súa chegada a Bergondo, o club atopou no noso municipio un lugar onde seguir practicando e fomentando o remo. En todo este tempo, o Concello mostrou sempre a súa disposición para apoiar á entidade, ofrecéndolle o uso de instalacións municipais, como o pavillón de Guísamo ou o ximnasio, do mesmo xeito que ao resto de clubs deportivos locais.
É importante subliñar que, cando o club decidiu fincarse en Bergondo, eran plenamente conscientes de que non existía ningunha infraestrutura para albergar deportes náuticos. Nun primeiro momento usaron como base para a súa actividade as antigas naves do Pedrido, sendo conscientes de que esta era unha situación con data de caducidade xa que existía un proxecto de rexeneración ambiental na zona, por parte de Costas, que incluía a demolición desas naves ao finalizar os seus períodos de concesión.
Cando isto ocorreu buscaron alternativas e optaron por instalarse nunha parcela da zona. Nos últimos meses, tras ter que abandonar este terreo por motivos alleos á administración local, proliferaron unha serie de acusacións cara ao goberno local que nos vemos obrigados a desmentir.
En primeiro lugar, o Concello mostrouse sempre disposto a colaborar e axudar ao club para que puidese continuar desenvolvendo a súa actividade con normalidade, explorar posibles solucións, non sendo posible ata o momento habilitar unha instalación específica de forma provisional.
O club alega que conta cun proxecto para construír un edificio de ata 300 metros cadrados no Pedrido. Tras a consulta do goberno local, Costas sinala que esta actuación tería un encaixe moi complicado debido ás especiais características da zona, situada na ZEC Betanzos-Mandeo, e que O Pedrido non é unha zona portuaria, que é o ámbito no que se levantan este tipo de infraestruturas, senón que é unha praia. Doutra banda, tamén tería difícil encaixe a localización proposta, en primeira liña da ría, que tería que contar coa autorización da Demarcación de Costas.
Con todo, desde o Concello, e en particular a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, continuando coa súa intención de seguir apoiando ao club, está a traballar en dúas vías: crear un edificio público multiusos de dotación para dar servizo á praia, que sirva como base para o servizo de salvamento no que poida habilitarse un espazo para o almacenamento de embarcacións; ou obter a cesión dunha parte do terreo que posúe Fenosa no Pedrido para poder alí habilitar unhas instalacións máis completas. Obviamente, nin estas nin ningunha, incluída a que propoñen desde a entidade se fose viable, poderíase executar a curto prazo.
O Concello de Bergondo quere reiterar que comparte o interese en atopar unha solución estable e adecuada, dentro dos marcos legais e urbanísticos existentes, e que seguirá traballando nesa liña, como ata o de agora, en diálogo constante co Club de Remo Olímpico Mandeo e o resto de entidades deportivas do municipio. O que se está facendo é, seguindo a lóxica de ser dunha entidade pública, tentar resolver un tema de futuros e de necesidades a longo prazo, non unha necesidade puntual.
Mentres, o resto de formacións políticas representadas na corporación municipal han mostrado o seu apoio ao Club de Remo Olímpico Mandeo, reprochando ao Concello que non achegue solucións, pero á vez son conscientes que actualmente non existe unha solución inmediata e viable dentro dos marcos legais e urbanísticos que afectan á zona. Unha actitude totalmente hipócrita que non axuda en nada a conseguir o obxectivo final.