A inscrición abrirase mañá, é gratuíta e debe formalizarse no Concello ou por teléfono.
O Concello oferta dous novos obradoiros de poda e enxerto de árbores froiteiras. Vanse realizar os dous próximos sábados, días 11 e 18 de xaneiro, de 10:00 a 13:00 horas nas instalacións de Viveiros Amado (A Braña Grande, Cabovilaño, a carón da estrada AC-552), a empresa concesionaria do servizo de xardinería e conservación das zonas verdes municipais.
A inscrición é gratuíta, abrirase mañá e debe formalizarse acudindo ao Concello ou chamando ao 981605001. As prazas para cada unha das quendas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición. Os únicos requisitos para poder anotarse son estar empadroado no termo municipal da Laracha e ser maior de quince anos de idade.
Esta iniciativa, que se leva a cabo por cuarto ano, ponse en marcha para ofrecer á cidadanía a oportunidade de aprender a realizar os traballos de poda e enxerto precisamente na época do ano propia para levalos a cabo.