· As obras leváronse a cabo en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte.
O campo de fútbol do Cairo de Corme-Porto conta xa cunha cantina completamente renovada. Todo grazas ao proxecto que o Concello executou en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e que supuxo un investimento de 59.125 euros. Con todo, esta non será a única mellora prevista nas instalacións deportivas municipais, senón que o alcalde, José Manuel Mato, avanza que se continuará con esta liña de traballo: “queremos que os nosos deportistas poidan dedicarse ás súas disciplinas nas mellores condicións posibles, polo que traballaremos para seguir mellorando as distintas dependencias”.
No caso do Cairo, o proxecto serviu para modernizar e reforzar a accesibilidade deste espazo, mellorando o confort e a funcionalidade para os socios, simpatizantes e afeccionados do Corme C.F. Como parte das intervencións, o Concello substituíu a cuberta, a estrutura e os peches. Entre eles, o frontal, que conta con nova carpintería acristalada, unha novidade que permitirá gozar dos encontros con independencia das condicións climatolóxicas. Así mesmo, renováronse as instalacións de fontanería, electricidade e iluminación implantando luminarias de tipo LED.
O resultado final é un espazo 100% renovado que dispón dun pequeno almacén, unha barra con fregadeiro e unha sala destinada a reunións e exposición de trofeos, o que converterá a cantina nun lugar máis funcional e acolledor para o uso social e deportivo.
Con esta actuación, o Concello de Ponteceso reafirma a súa aposta por mellorar e modernizar as instalacións municipais, ofrecendo espazos de calidade tanto para a práctica deportiva como para o encontro da veciñanza. Como explica o rexedor, “o deporte e o apoio aos clubs e eventos deportivos de Ponteceso sempre atoparán no Concello o seu principal aliado”.



