HomeA CoruñaConstitúese o Consello do Ecobosque “para garantir a implicación social na restauración...

Constitúese o Consello do Ecobosque “para garantir a implicación social na restauración e posta en valor do Banquete de Conxo”

- Anuncio -spot_img

O próximo xoves quedará constituído o Consello do EcoBosque, un órgano participativo de carácter consultivo que recollerá iniciativas e definirá propostas colectivas para a recuperación, uso e posta en valor do río Sar, fundamentalmente no ámbito do Banquete de Conxo.
Constitúese o Consello do Ecobosque “para garantir a implicación social na restauración e posta en valor do Banquete de Conxo”
Trátase dunha das actuacións vinculadas ao plan de gobernanza e participación do EcoBosque, o proxecto impulsado polo departamento de Emprego do Concello de Santiago e financiado con fondos europeos a través da Fundación Biodiversidade.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta hoxe da creación do Consello do EcoBosque, que estará integrado por persoas e entidades representativas do ámbito social, ambiental, educativo, cultural e institucional. A tenenta de alcaldesa explicou que “non se trata dun consello de participación ao uso, senón que optamos por unha fórmula menos ríxida de maneira que a súa composición será aberta e poderánse ir incorporando novos membros co obxectivo de garantir a súa diversidade e representatividade”. Na primeira xuntanza están invitados e invitadas a participar representantes de todos os grupos municipais, técnicos de diferentes departamentos do Concello de Santiago, representantes da Universidade e do ensino medio; de entidades ecoloxistas, de asociciacións veciñais e entidades sociais, e mesmo do ámbito empresarial.

O Consello ten como finalidade promover o coidado e protección do río Sar e do seu ecosistema e, con ese obxectivo, deberá elaborar un informe anual sobre o estado do río, que será encargado a un equipo técnico especializado; un plan de actividades, tamén de carácter anual; e unha campaña anual centrada nun problema ou reto específico identificado como prioritario polo propio Consello.

María Rozas incidiu en que, alén de recuperar en valor a zona, o proxecto do EcoBosque “dálle unha enorme importancia á participación e á implicación da veciñanza, para reforzar o compromiso social cunha zona que fai parte da memoria colectiva de Santiago”. A tenenta de alcaldesa lembrou que nesta liña vense traballando “desde a primeira recuperación da zona no ano 2017 e coa celebración das festas do Banquete desde 2018, que lograron que a veciñanza sinta este espazo como seu e se implique na súa defensa, como aconteceu fronte ás ameazas que supoñía o proxecto da senda ciclable que finalmente non destrozará a zona do Banquete de Conxo como estaba inicialmente previsto”.

Proceso participado

María Rozas explicou que o Consello do EcoBosque botará a andar cun punto de partida claro: o documento de diagnose e propostas elaborado tras o proceso participativo que se veu desenvolvendo nas últimas semanas no marco do proxecto do EcoBosque, con diversas mesas de traballo nas que se implicaron entidades sociais, ambientais, educativas, culturais, veciñais e institucionais.

A responsable de Emprego apuntou que nese proceso participado definíronse as liñas estratéxicas que deberan estruturar a acción no ámbito do río Sar, así como as primeiras propostas concretas a desenvolver se o Consello do EcoBosque así o valida. O eixo prioritario do proceso, segundo se recolle no documento, debe ser a restauración ecolóxica do Sar, con actuacións concretas como a identificación e control de verteduras, a implantación de sistemas de monitorización da calidade da auga, ou a restauración do bosque da ribeira co control de especies invasoras e a creación dun banco de planta autóctona para intervencións continuadas.

A segunda das liñas estratéxicas definidas no proceso de participación ten que ver co uso público do río e a mellora da relación entre a veciñanza e o Sar e, para iso, apúntanse actuacións como a mellora dos accesos, a instalación de sinalización acciesible, a creación e mellora de percorridos sostibles, ou a posta en valor do patrimonio natural, histórico e cultural do ámbito. Vinculado a esta liña estratéxica, outro dos eixos de acción fixado nas mesas de traballo refírese á educación ambiental e a sensibilización cidadá, con medidas como a creación dun programa estable de educación ambiental vinculado ao río, a creación dun banco de recursos, ou o impulso de actividades interxeracionais e comunitarias vinculadas ao Sar. Por último, nas mesas de traballo as entidades participantes referíronse á gobernanza colaborativa como outra das liñas estratéxicas do proxecto, á que se lle dá cumprimento coa propia creación do Consello do EcoBosque.

María Rozas explicou que estas propostas “non son un listado pechado, senón unha base para o traballo inicial do Consello do EcoBosque que será o órgano que as valide e priorice”. A concelleira lembrou que estas accións “fan parte do plan de gobernanza e participación do EcoBosque, co que pretendemos que a veciñanza sexa protagonista na toma de decisións e na recuperación da riqueza histórica e ambiental da zona do Banquete de Conxo, porque esta é a mellor maneira de garantir a súa conservación a longo prazo e de reforzar a súa importancia na identidade e na memoria colectiva de Santiago”.

Nova App do EcoBosque

A tenenta de alcaldesa deu conta tamén da nova App sobre o EcoBosque do río Sar que xa se pode descargar tanto para Ios como para Android, e que está dispoñible tamén en versión web na dirección app.ecobosqueriosar.com.

A aplicación reúne toda a información sobre o proxecto de restauración do ámbito do Banquete de Conxo e das accións xa desenvolvidas ao seu abeiro, pero tamén permite acceder a numerosos recursos sobre as especies de flora e fauna que se atopan no ámbito, con fichas de máis de trinta especies vexetais e de 25 especies animais. O técnico do departamento de Emprego Xabier Ferreiro explicou que a app tamén inclúe un mapa vivo elaborado en colaboración co servizo municipal de de cartografía no que se irán localizando todas as actuacións que se realicen ao longo de todo o percorrido do río Sar. De momento, aparece información sobre as actuacións vinculadas ao proxecto do EcoBosque. Ademais, a aplicación permitirá a participación da veciñanza, que poderá informar de cuestións que considere de interese vinculadas ao río como a presenza de especies invasoras ou de novas especies animais ou vexetais que non estean documentadas na propia app.

Publicacións Relacionadas