HomeA CoruñaConta atrás para iniciar as obras de humanización na praza Manuel Guitián,...

Conta atrás para iniciar as obras de humanización na praza Manuel Guitián, que permitirán mellorar os espazos públicos na segunda fase de Elviña

- Anuncio -spot_img

O Concello pon en marcha unha nova actuación do Plan de barrios 2025- 2027 e aposta por renovar esta superficie, que gañará novos pavimentos, máis espazo peonil e mellorará a súa accesibilidade

O Concello avanza coa folla de ruta do Plan de barrios 2025-27, que nos vindeiros días sumará unha nova actuación de mellora en execución: a humanización da praza Manuel Guitián, na segunda fase de Elviña.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Cernadas, suporán un investimento superior aos 600.000 euros e permitirán dar continuidade á transformación dos espazos públicos nesta parte do barrio, onde xa se actuou previamente en puntos como Pintor Laxeiro e Pintor Manuel Colmeiro.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, fixo fincapé na importancia de “adecuar as superficies máis próximas aos bloques residenciais do barrio”, tanto para renovar os espazos de paso como para gañar seguridade viaria e accesibilidade universal nos percorridos lindeiros aos edificios de vivendas.
“Xunto ao Castrillón, Elviña é un dos barrios da cidade que conta con máis veciñas e veciños en idades superiores aos 65 anos. Iso é un factor fundamental á hora de formular actuacións de mellora no espazo urbano, porque cómpre dar resposta ás necesidades das persoas con mobilidade ou visibilidade reducida”, indicou a concelleira.
Esta filosofía impulsa a remodelación desta praza, onde o Goberno de Inés Rey ten previsto renovar os pavimentos, tanto das beirarrúas —que serán ampliadas— como da calzada, visibilizando os espazos de estacionamento con materiais diferenciados. Ademais, tal e como se informou meses atrás na saída a concurso das obras, tamén se acometerá a elevación do paso peonil que hai no acceso á praza, para propiciar o calmado do tráfico.

A humanización da praza tamén aparellará a plantación de novos exemplares de arboredo arredor do óvalo. Desta forma, favorecerase a creación de espazos de sombra e máis frescos, con mobiliario urbano. A maiores, renovarase a iluminación na praza e farase separativa a rede de pluviais e saneamento da zona, que actualmente é unitaria. Así, o Concello mellorará a recollida de augas en orixe.

Publicacións Relacionadas