HomeA CoruñaContinúa aberto o proceso de selección do Programa Integrado de Emprego do...

Continúa aberto o proceso de selección do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira

- Anuncio -spot_img

 A próxima semana desenvolveranse cinco reunións informativas

O Concello de Ribeira prosegue executando a fase de selección da terceira edición do seu Programa Integrado de Emprego, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Esta medida en materia de empregabilidade diríxese a un total de 100 persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e residentes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son, cun compromiso de inserción laboral do 45%.

Ao longo destas semanas xa se desenvolveron varias reunións informativas; unhas xuntanzas que seguen no vindeiro 4 e 5 de novembro, ás 10.00 e ás 12.00 horas, no Viveiro de Empresas de Ribeira; e no 6 de novembro, con tres encontros en Servizos Sociais de Ribeira: ás 09.30, ás 10.30 e ás 11.30 horas.

A maiores, as persoas interesadas dispoñen de varias vías de información: o enderezo electrónico programaintegrado@ribeira.gal; os teléfonos de contacto 669 150 809 e 628 557 348; e o formulario online que aparece no Instagram do Programa (p.integradoempregoribeira).

Público perceptor da ferramenta

Poderán optar a participar neste instrumento de empregabilidade todas aquelas persoas desempregadas con discapacidade; mulleres desempregadas; persoas desempregadas de longa duración; inmigrantes; en risco de exclusión social; beneficiarias do tramo de inserción da renda de exclusión social de Galicia; mulleres vítimas de violencia de xénero; maiores de 52 anos; menores de 30 anos; perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI); ou persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores. Todas elas deberán estar inscritas como demandantes de emprego.

As persoas participantes percibirán unha axuda consistente en 10 euros por día de asistencia ás accións presenciais do programa, mentres que, na modalidade en liña, dividirase o número de horas da formación entre cinco para calcular o número de días con dereito a bolsa. Ademais, a Administración local ofrece medidas de conciliación para favorecer a concorrencia segundo as necesidades.

Materias a impartir

Durante doce meses, as persoas participantes recibirán orientación, formación e intermediación laboral baseada nunha metodoloxía que combina a parte expositiva coas dinámicas de grupo, buscando adaptarse ás necesidades e utilizando as novas tecnoloxías para favorecer a comunicación e a conciliación, así como o desenvolvemento de habilidades para a busca de emprego como, por exemplo, o uso de Internet, o rexistro en portais de emprego, a descarga de aplicacións e a aproximación ás redes sociais profesionais.

Os contidos a impartir son técnicas de mobilización de enfermos; aplicación de fundamentos básicos en cociña; acompañante en transporte escolar; operacións básicas de caixa; uso de aplicacións móbiles no ámbito laboral; utilización de recursos dixitais; ofimática; técnicas administrativas; organización de almacén; manexo de carretillas elevadoras; mantemento de zonas verdes; seguridade e hixiene na industria alimentaria; ou cociña colectiva, entre outras materias.

En canto ás accións individuais, levaranse a cabo sesións de información, asesoramento e acompañamento laboral; obradoiros de coaching para a busca de emprego, comunicación e habilidades sociais; elaboración do currículo, preparación de entrevistas; prospección laboral e prácticas profesionais non laborais nalgunha das empresas colaboradoras, servindo como ponte de cara a futuras contratacións.

Tamén se terá en conta a formación transversal en informática, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, técnicas de coaching emocional, formas de busca de emprego ou fomento da capacidade emprendedora.

Publicacións Relacionadas