Ademais da Deputación da Coruña, os concellos de Oleiros, Arteixo, Culleredo, Cambre, Sada, Bergondo, Ares, Valdoviño, Carral… entre outros, xa manifestaron o seu apoio á iniciativa do Concello de Oleiros de articular unha denuncia xudicial conxunta contra a Xunta de Galicia polo incumprimento sistemático e ilegal da Lei de dependencia. A Administración autonómica está a espoliar as arcas dos concellos ao non asumir o 100 % do custo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tal e como establece a normativa vixente. Na actualidade, son os municipios os que teñen que cubrir cos seus propios recursos as carencias de financiamento da Xunta, detraendo cartos que deberían ir destinados a investimentos e servizos puramente locais.
Por lei, a Xunta –que recibe fondos do Estado para este fin- está obrigada a pagar o 100% do servizo. Aos concellos correspóndelle unicamente a xestión, non o financiamento.
A FEGAMP (Federación Galega de Municipios) e a Xunta de Galicia acaban de asinar un acordo que segue incumprindo a lei. Ese convenio establece para o 2028 unha achega da Xunta de Galicia de 18 euros/hora, cando neste momento xa está en 24 euros/hora e que con toda seguridade se verá incrementado proximamente de forma considerable.
A FEGAMP, que é o organismo que supostamente debería representar a todos os concellos galegos, está presidida polo alcalde de Vilagarcía. Semanas antes da sinatura deste inaceptable acordo para calquera alcalde ou alcaldesa galego, o Concello de Vilagarcía recibía da Xunta 25 millóns para unha nova depuradora.
O alcalde de Oleiros presentou unha moción na Deputación para denunciar os feitos de forma conxunta ante os tribunais. A proposta foi aprobada e os servizos xurídicos da Deputación están a realizar os trámites necesarios para presentar a denuncia conxunta por parte de todos os concellos da provincia que así o estimen.
No caso de Oleiros, o Servizo de Axuda no Fogar no ano 2025 contemplou 73.819 horas, cun custo total de 1,7 millóns de euros. A Xunta só achegou o 32 %, 580.745 €. O Concello financiou o 52% con 934.736 € e as persoas usuarias o 16% restante, 253.796 €.



