HomeA CoruñaCorenta nenos e nenas desfrutaron da sétima edición do Pequetrail de Lousame,...

Corenta nenos e nenas desfrutaron da sétima edición do Pequetrail de Lousame, a segunda máis concorrida da súa historia

- Anuncio -spot_img

Dende a Federación Galega de Atletismo, que colabora por primeiro ano coa proba, salientan que se trata dun percorrido 100% polo monte e que “é unha carreira de trail para os nenos”

Un total de corenta nenos e nenas, de entre 4 e 14 anos, tomaron parte na sétima edición do Pequetrail de Lousame, disputado na tarde do pasado sábado. O tempo acompañou, facilitando a participación nunha edición que iguala á do ano pasado como a segunda máis concorrida da curta historia desta proba, só superada polos 57 participantes do ano 2022.

O Pequetrail desenvolveuse na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes: entre os 500 e os 3 quilómetros. O compañeirismo e o bo ambiente mantívose durante toda a proba e non foron poucos os corredores/as que entraron xuntos na meta.

Colaboración da FGA

A concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo; a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; o concelleiro de Seguridade Viaria, José Antonio Ces; e o responsable do sector Trail Running da Federación Galega de Atletismo, Iván Sangiao, foron os encargados de entregarlles as medallas a todos os participantes, así como unhas lambonadas e un pequeno avituallamento con auga e froita para repoñer forzas.

O Pequetrail 2025 foi organizado polo Concello de Lousame e contou por primeira vez coa colaboración da Federación Galega de Atletismo. De feito, Iván Sangiao destacou que “o Pequetrail de Lousame ten algo que veñen demandando os pais e nós dende a Federación que é que os pícaros dispoñan dun trail cun percorrido 100% no monte. Ademais, en moitos casos as carreiras dos nenos realízanse como acompañamento ás dos adultos e neste caso encántanos que desde Lousame se poña en valor 100% o que é unha carreira de trail para os nenos”. Ademais, a proba contou coa colaboración de GADIS, a rede de Voluntariado lousamiá, a Cruz Vermella de Noia e Protección Civil de Lousame.

Publicacións Relacionadas