• O evento, organizado polo PP de Culleredo na polideportiva do Burgo, recolleu máis de 300 quilos de alimentos e artigos de aseo doados polo público
• O campión foi o Hércules FS tras unha emocionante final contra o Sporting Cambre
O PP de Culleredo celebrou hoxe na polideportiva do Burgo o seu Torneo Solidario Futsal Culleredo, unha iniciativa a favor de Cáritas Vilaboa que contou coa colaboración da propia entidade e co apoio de Ipavi e Gadis. Nesta cuarta edición, o torneo benéfico de fútbol sala organizado polos populares mantivo a fórmula que o converteu nunha cita xa habitual do Nadal en Culleredo: a entrada non é diñeiro, senón alimentos non perecedoiros e artigos de aseo. Grazas á resposta dos veciños, familias e participantes, a recollida superou os 300 quilos de produtos, que serán entregados integramente a Cáritas Vilaboa para a súa distribución entre as familias do concello que máis o necesitan.
A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, destacou “a gran asistencia de público durante todo o día”, lembrou que o torneo naceu “de maneira moi natural” para converter o Nadal en “algo útil e próximo” e puxo en valor o espírito da iniciativa. “Queremos seguir axudando e demostrar, unha vez máis, que Culleredo é un concello moi solidario”, sinalou.
A portavoz popular destacou, ademais, a implicación dos clubs, os pequenos deportistas e as súas familias: “Que veñan de forma totalmente desinteresada, en plenas vacacións de Nadal, ten un valor enorme. Cando unha iniciativa une deporte, solidariedade e comunidade, merece a pena”. “Estamos felices de que, ano tras ano, sexa un éxito”, engadiu.
O torneo reuniu a seis equipos de categoría benjamín procedentes de Culleredo, A Coruña, Cambre e Betanzos, ofrecendo unha xornada repleta de emoción e deportividade. O Hércules FS alzouse coa vitoria tras impoñerse nunha final moi disputada ao Sporting Cambre, mentres que o terceiro e cuarto posto foron para o Troula de Betanzos e o Sporting Burgo. Completaron o cadro de equipos participantes o Olímpico B e o Olímpico C.
Pola súa banda, o concelleiro popular Carlos Leites destacou o valor deportivo e humano da xornada, marcada polo bo ambiente na pista e nas bancadas: “É un orgullo ver o esforzo, o compañeirismo e o talento destas pequenas promesas. Regaláronnos un día de fútbol sala incrible. Máis aló do resultado, hoxe gaña a solidariedade”. Leites agradeceu tamén a colaboración de Cáritas e dos patrocinadores que fan posible o torneo e animou a “seguir coidando unha iniciativa que suma deporte, comunidade e axuda directa a quen o necesita”.



